Galicia e Portugal avanzando no deseño de estratexias locais de desenvolvemento de infraestructuras verdes no marco do proxecto ‘Green Gap’

adminON
Lectura mínima de 4

O director do Instituto de Estudos do Territorio comparte nun encontro en Guimaraes a experiencia galega no proceso de elaboración da estratexia da infraestrutura verde e pon en valor que Galicia foi a primeira autonomía española en aprobar este instrumento

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, participou nas Xornadas técnicas de estratexias locais para o desenvolvemento de infraestruturas verdes que se celebran entre hoxe e mañá en Guimaraes (Portugal) ao abeiro do proxecto Green Gap. No encontro participan socios, axentes implicados e público en xeral de Galicia e Portugal co fin de avanzar neste eido mediante a realización tanto de actividades teóricas como prácticas.

O evento permitirá compartir coñecementos e debater sobre cuestións xerais como a importancia da infraestrutura verde na conservación da biodiversidade tanto desde o punto de vista da súa integración na planificación como da súa concepción como instrumento para potenciar os servizos que os ecosistemas aportan ás zonas onde se implantan estas áreas e ao conxunto da cidadanía.

As xornadas abordarán tamén cuestións relacionadas coas especificidades da implantación, mantemento e xestión de infraestruturas verdes analizando a experiencia de Guimaraes e os beneficios que o seu desenvolvemento representa para a saúde. De feito, o peche das xornadas incluirá unha visita sobre o terreo ao corredor biocultural desta localidade portuguesa.

O director do IET compartiu no encontro a experiencia de Galicia no proceso de participación pública desenvolvido  como parte da elaboración da estratexia galega da infraestrutura verde, que foi aprobada pola Xunta en outubro do ano pasado converténdose na primeira autonomía española en contar con este instrumento. Este documento pon as bases para o impulso da infraestrutura verde mediante a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.

Iniciativa Galicia-Portugal

O proxecto Green Gap para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten como obxectivo contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes nesta área transfronteiriza.

Con tal fin, inclúe tres fases: unha primeira de planificación, unha segunda de desenvolvemento e implantación, na que se atopan inmersos os socios para acadar exemplos de boas prácticas en materia de infraestrutura verde e paisaxe resiliente, e unha terceira etapa para a formación e capacitación na materia. A maiores, inclúe tamén un conxunto de accións para a correcta comunicación e difusión dos resultados.

Cun orzamento de máis de 2,1 M€, financiado no marco do Programa Interreg España-Portugal (Poctep 2021-2027), na iniciativa participan, ademais do IET, un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Pola parte galega están implicadas a Universidade da Coruña, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Ourense e a Fundación CEER, mentres que do lado portugués forman parte do proxecto a Cámara de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, a Cámara de Guimarães, o Laboratorio da Paisagem de Guimarães así como a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza das Florestas.

Comparte este artigo