- Abordan diferentes modelos para impulsar estas accións a través da presentación de distintas guías para o seu deseño, así como de casos prácticos e proxectos piloto de restauración ecolóxica, renaturalización ou mellora paisaxística
- O proxecto Green Gap para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten como obxectivo contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes nesta área transfronteiriza
Galicia e Portugal intercambian sinerxías para o impulso das infraestruturas verdes locais no marco do proxecto europeo Green Gap, no que participa a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET).
Así, o director do IET, Enrique de Salvador, participou hoxe na II Xornada técnica sobre planificación de estratexias de infraestrutura verde a nivel local que se celebrou esta mañá en Santiago de Compostela e á que asistiron profesionais, técnicos, representantes institucionais e cidadanía interesada neste enfoque do desenvolvemento territorial para afrontar os retos ambientais e climáticos actuais.
Durante a xornada, abordáronse diferentes modelos para impulsar as infraestruturas verdes a través da presentación de distintas guías para o seu deseño, así como de casos prácticos como as estratexias deseñadas para a provincia de Ourense, Guimarães ou Paredes de Coura ou proxectos piloto de restauración ecolóxica, renaturalización ou mellora paisaxística.
A maiores, tamén se presentaron ferramentas innovadoras como o visor de estratexias locais e a plataforma transfronteiriza de custodia do territorio, así como do hub de coñecemento de infraestrutura verde e o programa formativo da Green Gap Academy.
Nese senso, o director do IET incidiu na importancia que ten a infraestrutura verde de cara a levar a cabo unha planificación territorial sostible. En concreto, trátase de crear unha rede territorial continua de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións das contornas nas que se desenvolvan.
Na xornada participaron tamén expertos das universidades da Coruña e do Minho, do Laboratorio da Paisagem de Guimarães, da Fundación CEER e do Laboratorio Rural da Cámara Municipal de Paredes de Coura, así como da Escola da Paisaxe da Fundación Juana de Vega.
Green Gap
O proxecto Green Gap para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten como obxectivo contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes nesta área transfronteiriza.
Cun orzamento de máis de 2,1 M€, financiado no marco do Programa Interreg España-Portugal (Poctep 2021-2027), na iniciativa participan, ademais do IET, un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Pola parte galega están implicadas a Universidade da Coruña, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Ourense e a Fundación CEER, mentres que do lado portugués forman parte do proxecto a Cámara de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, a Cámara de Guimarães, o Laboratorio da Paisagem de Guimarães así como a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza das Florestas.



