- A cifra de desemprego acadada en Galicia en febreiro -120.977- é a máis baixa neste mes desde que hai serie histórica (1996)
- José González subliñou a redución anual do -7,35% nas mulleres desempregadas en liña do que reflicte o informe analizado onte no Consello da Xunta que amosa o bo funcionamento do emprego feminino no mercado laboral galego
- O paro diminuíu no último ano nas catro provincias, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade liderando a caída o sector primario, seguido da construción , da industria edos servizos
- Galicia conta con preto de 1.072.000 cotizantes, o que a sitúa a un nivel superior ao reflectido hai dezaseis anos
A cifra de desemprego acadada en Galicia en febreiro -120.977- é a máis baixa neste mes desde que hai serie histórica (1996). O paro caeu na evolución anual (-7,36%) e na mensual (-0,28%) e é en ambos casos unha redución superior á da media do Estado, ao tempo que soben as afiliacións nas comparativas anual (16.930 novas) e mensual (aumenta a cifra en en 4.858). Así o destacou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a valoración dos datos de paro e de afiliacións do pasado mes de febreiro.
Ademais, en relación a hai un ano, o paro cae nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos, liderando a caída o sector primario (-12,86%), seguido da construción (-11,88%), da industria (-11,22%) e, por último, dos servizos (-6,78%).
No caso das afiliacións á Seguridade Social, o titular de Emprego salientou que Galicia conta con preto de 1.072.000 cotizantes, o que sitúa á comunidade a un nivel superior ao reflectido hai dezaseis anos.
José González insistiu en valorar as cifras sempre desde o punto de vista da súa evolución a medio e longo prazo e destacou que os datos reflicten un mercado laboral galego que segue moi activo, que é dinámico e inclusivo e que procura un emprego de calidade.