Galicia organizará este ano un gran foro con todas as comunidades costeiras de España para compartir sinerxías e experiencias sobre a xestión do litoral

adminON
Lectura mínima de 5
  • Este encontro engadirase ao cumio previsto en setembro cos 86 concellos galegos asentados na costa anunciado polo presidente da Xunta co fin de aproveitar os coñecementos e as capacidades das distintas administracións e entidades neste eido
  • Ángeles Vázquez agradeceu aos responsables da Universidade de Santiago de Compostela e ao Consello Económico e Social a organización desta xornada e animounos a unirse ao Pacto galego polo litoral promovido polo Executivo galego
  • A conselleira salientou que Galicia asume o reto de ordenar a costa como a autonomía con máis quilómetros de litoral, cunha importante cadea mar-industria e apostando polo equilibrio entre as vertentes medioambiental, económica e social
  • O Goberno autonómico traballa xa en distintas cuestións para simplificar trámites, axilizar os procedementos e velar pola protección dos valores naturais e culturais existentes nas contornas marítimas

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe que Galicia organizará antes de que finalice o ano un foro ao que se invitará a todas as comunidades costeiras de España co fin de compartir sinerxías e experiencias sobre a xestión do litoral.

Este encontro -que se celebrará despois de que a Xunta asuma plenamente a ordenación da costa o vindeiro 1 de xullo- engadirase ao cumio previsto en setembro cos 86 concellos galegos do litoral e que onte mesmo anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Estas xornadas, salientou a responsable autonómica durante a inauguración da I Xornada internacional de economía azul e ordenación do espazo litoral de Galicia, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consello Económico e Social (CES), buscan aproveitar os coñecementos e as capacidades das distintas administracións e entidades na xestión da liña de costa.

Ángeles Vázquez, que impartiu o relatorio A Administración galega ante os desafíos que presenta a ordenación do litoral de Galicia, agradeceu á USC e ao CES que organizasen este evento e animounos a unirse ao Pacto galego polo litoral promovido pola Xunta, que busca facer partícipes ás forzas políticas, ao sector produtivo, ao ámbito académico e á sociedade galega en xeral dunha iniciativa que pretende consolidar á comunidade como referente europeo no eido da gobernanza costeira.

A este instrumento engádese o Foro do Litoral, que será un órgano colexiado clave de asesoramento e consulta en materia de ordenación no que participarán distintas administracións, universidades, organismos científicos, organizacións dos sectores produtivos, asociacións ambientais e outras vencelladas coa defensa e protección do patrimonio cultural da comunidade.

A conselleira congratulouse de que Galicia asuma a partir do 1 de xullo o control sobre todos os usos e actividades na costa, unha cuestión na que dispón das competencias, os coñecementos e os medios para afrontar a súa ordenación. De feito, incidiu, a comunidade asume o reto coa responsabilidade que supón ser a autonomía con máis quilómetros de costa de España -máis de 2.500- e cun complexo mar-industria dependente dela que aporta preto do 5% do PIB galego, o que dá idea de importancia das actividades desenvolvidas no litoral para o conxunto do territorio.

Simplificación e planificación

Nesta liña, a responsable autonómica lembrou que a Xunta está a traballar en distintas cuestións para dixitalizar e simplificar todos os trámites co fin de axilizar os procedementos e facilitar o labor dos administrados. Ao mesmo tempo, cóntase cunha ampla planificación de actuacións co fin de poñer en valor o litoral de Galicia e todos os valores patrimoniais existentes nel.

Entre elas está a senda que conectará a costa galega desde Ribadeo ata A Guarda e outras iniciativas como o programa de recuperación e rehabilitación de edificacións de patrimonio cultural do litoral -co acondicionamento de inmobles de especial valor arquitectónico, histórico e cultural-, a creación dunha rede de establecementos hostaleiros ou a mellora doutros establecementos turísticos asentados na costa.

O fin último do Executivo galego, destacou a conselleira, é realizar unha xestión do litoral asentada sobre a tripla vertente medioambiental, social e económica cun equilibrio entre esas tres patas co obxectivo de velar pola protección de todos os valores existentes na contorna e dos intereses do conxunto da cidadanía galega. 

Comparte este artigo