O luns, 12 de agosto, Ángeles Vázquez intervirá en representación da Xunta nunha mesa redonda sobre a adaptación das cidades ao quecemento global e os seus efectos
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, defenderá en Santander este luns, 12 de agosto, a importancia da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), aprobada en 2023, como unha das pezas clave nas políticas da Xunta para avanzar na xestión da costa fronte aos efectos do cambio climático.
No marco dun dos cursos de verán organizados pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), a conselleira participará en representación do Goberno galego na mesa redonda A adaptación ao cambio climático nas cidades, onde exporá como a Loxilga ofrece tamén un marco de seguridade xurídica para emprender accións efectivas que axuden a xestionar de forma sostible a franxa litoral urbana.
Acompañada polo conselleiro de Fomento, Ordenación do Territorio e Medio Ambiente do Goberno de Cantabria, Roberto Media, a alcaldesa de Santander, Gema Igual, e a rexedora de Valencia, María José Catalá, a mesa redonda servirá tamén para que Ángeles Vázquez incida no liderado asumido por Galicia na xestión integral do litoral, sendo a primeira comunidade en regular por lei a costa en toda a súa extensión.
Cómpre lembrar que o pasado mes de maio a conselleira interveu no III Foro Costas e Litoral. Reflexións para unha necesaria reforma da actual lexislación de costas, organizado pola Cámara de Comercio de Eivissa e Formentera coa colaboración do Goberno balear, onde reivindicou o papel da lei do litoral galega como modelo e exemplo a seguir para todas aquelas comunidades que aspiran a xestionar de forma directa a súa propia costa, no marco das competencias que teñen legalmente atribuídas.
De feito, apenas unhas semanas despois de que o Tribunal Constitucional avalara por unanimidade a validez da Loxilga, o encontro en Eivissa serviu tamén para que a Xunta lle tendera a man aos gobernos de Baleares, Valencia e Canarias para brindarlles o seu apoio á hora de lexislar e definir como queren xestionar o seu litoral.

