A cita desenvólvese ata o domingo e inclúe un programa específico dirixido ao sector así coma actividades e mostra de destinos para o público xeral
Un ano máis, Turismo de Galicia non falta á súa cita coa Feira INTUR de Valladolid, un encontro que alcanza xa a 28 edición, e que inclúe ademais do espazo expositivo, un programa con xornadas dirixidas ao sector profesional e outras actividades que teñen o seu obxectivo no público en xeral.
A Xunta acode a esta cita anual con todo o seu abano de propostas de turismo rural e de interior con produtos tan propios da oferta galega coma o Outono Gastronómico ou os Trens Turísticos que poñen en valor experiencias en contacto coa natureza, a enogastronomía e o Camiño de Santiago, entre outras propostas. O turismo musical coa marca Concertos do Xacobeo serán outra das propostas que exhibirá Turismo de Galicia nesta cita.
INTUR Valladolid reúne a 70 turoperadores procedentes de 20 países de Europa, América e Asia que buscan coñecer propostas que lles permitan deseñar e atender a demandas actuais que buscan experiencias exclusivas, personalizadas, accesibles que inclúan mascotas, dirixidas a viaxeiros senior, familias e grupos organizados, parellas e viaxeiros individuais.
A cita celébrase como no recinto de Feria de Valladolid e Turismo de Galicia participa cun stand institucional despregado nunha superficie de 100m2 para dar a coñecer de xeito personalizado, os recursos e produtos turísticos da comunidade.
Durante a xornada de onte, INTUR Negocios centrou a súa actividade no sector cunha xornada dirixida a incentivar o negocio turístico coa participacións dos principais axentes da actividade turística. Ademais, tamén tivo lugar o mercado de contratación INTUR B2B e o foro de análise e coñecemento, INTUR Talks.
As xornadas deste venres, sábado e domingo, a cita está aberta ao público en xeral que pode coñecer o máis de un millón de propostas relacionadas con destinos, aloxamentos, plans e empresas de servizos.
Segundo o INE, de xaneiro a setembro, máis de 6 millóns de persoas aloxáronse nos establecementos turísticos de Galicia, superando tamén os 11,2M de noites e rexistrando uns crecementos do 3,2% en viaxeiros e 2,6% en demanda turística. O 71% da demanda corresponde ao turismo nacional que experimenta un crecemento do 2,3% con respecto aos nove primeiros meses de 2024. Por comunidades, Madrid é a que achega o maior número de viaxeiros achegándose aos 500.000, seguida de Andalucía e Castela e León.



