Galicia reforza a súa posición en materia científica ao conseguir 15 novos investigadores Marie Curie

Redacción
Lectura mínima de 5
  • A Comunidade destaca na última convocatoria dunha das convocatorias europeas máis competitivas, cunha taxa de éxito 2,5 puntos superior á media estatal
  • Un total de oito profesionais traballarán na USC (no CIQUS e no CRETUS), tres na UDC (CICA e CITENI), dous na UVigo (CINBIO), un no CSIC e un no CITMaga

Galicia reforza a súa posición en materia científica ao conseguir 15 novos investigadores Marie Curie, un dos programas máis prestixiosos en Europa. En concreto, desenvolverán o seu traballo nas tres universidades públicas e no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

A denominada I+G+i, a ciencia e a innovación feitas na nosa Comunidade, recibe así un importante apoio do programa Marie Skłodowska-Curie Actions, un dos máis competitivos a nivel comunitario para investigadores que están na etapa posdoutoral.

As entidades galegas presentaron un total de 127 candidaturas á última edición destas bolsas da Comisión Europea. Con estes datos, a taxa de éxito da Comunidade é do 11,8%, case 2,5 puntos por riba da media estatal (9,4%) e da media global (9,6%), o que confirma o bo momento do noso talento investigador e a súa capacidade competir con garantías a nivel internacional. De feito, a Universidade de Santiago de Compostela é unha das institucións con maior número de proxectos obtidos, un total de oito, unha cifra só superada pola Universitat Pompeu Fabra (12) e pola Universitat de Barcelona (10).

En concreto, oito dos investigadores Marie Curie pertencen á Universidade de Santiago de Compostela: cinco do CIQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) e tres do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais). Pola súa banda, a Universidade da Coruña suma tres: dous do CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía) e un do CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais). A maiores, dous desenvólvense na Universidade de Vigo, ambos no CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina).

Finalmente, outros dous formarán parte da actividade do CITMAga (Centro Interuniversitario de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia) compartido polas tres universidades e da Misión Biolóxica de Galicia, un dos centros do CSIC en Galicia.

Éxito da Rede CIGUS e o programa Oportunius

Os 15 proxectos seleccionados desenvolveranse en sete centros de investigación universitaria e nun do CSIC. De todos eles, 12 pertencen á Rede CIGUS, unha agrupación financiada polo Goberno autonómico co obxectivo de promover a excelencia científica.

Ademais, máis da metade dos proxectos galegos seleccionados nesta convocatoria serán supervisados por investigadores Oportunius, o programa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que fomenta a captación e retención de científicos gañadores de axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC). Isto representa un exemplo máis do impacto desta iniciativa na consolidación de talento de excelencia en Galicia mediante sinerxías entre investigadores de alto nivel.

Precisamente, unha das liñas do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 é aumentar os proxectos posdoutorais das Marie Skłodowska-Curie. Para iso, foméntase a colaboración entre o persoal investigación ampliando así o alcance de Oportunius.

Elevada participación

As Marie Skłodowska-Curie Actions, financiadas pola Comisión Europea no marco de Horizonte Europa, están dirixidas a impulsar a carreira investigadora posdoutoral a través da mobilidade internacional, interdisciplinar e intersectorial, favorecendo a adquisición de novas competencias.

Na convocatoria de 2025, o programa acada cifras récord de participación, cun total de 16.836 propostas elixibles, das que 1.610 foron finalmente seleccionadas, o que supón unha taxa de éxito do 9,56%. Cun orzamento total de 404 M€ estes proxectos desenvolveranse en 45 países por persoal investigador de arredor de 80 nacionalidades.

En termos globais, España acadou 182 proxectos e convértese, por sétimo ano consecutivo, no estado membro da UE que máis investigadores recibe nesta convocatoria.

Comparte este artigo