A proposta, promovida por un grupo ecoloxista, foi aprobada hoxe grazas ao voto do propio Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico
Os servizos xurídicos dos gobernos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León analizarán o contido e as circunstancias nas que se adoptou o acordo á hora de estudar a presentación de posibles recursos pata tentar frear a decisión
A Comisión Estatal de Patrimonio Natural e da Biodiversidade aprobou nunha reunión celebrada hoxe a inclusión do lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lesrpe) o que, de feito, suporá un gravísimo problema de xestión para as catro Comunidades Autónomas que albergan máis do 95% dos lobos de España, que rexeitaron de forma unánime a proposta presentada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Xunto a Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, tamén se opuxeron ás pretensións do Ministerio Andalucía, Madrid, Murcia e País Vasco. Pola súa parte, Navarra solicitou que o tema se deixase para unha ocasión posterior co fin de buscar os necesarios consensos, renunciando a participar na votación, a mesma postura adoptada pola Comunidade Valenciana. Ceuta non puido participar na votación por problemas de comunicación durante a videoconferencia.
En definitiva, durante a segunda e definitiva votación, oito comunidades amosáronse en contra da proposta do Ministerio e oito a favor, entre elas, algunhas comunidades que nunca poderán ter ao lobo no seu territorio, nin enfrontarse á súa xestión, por razóns meramente xeográficas. Finalmente, o voto a favor da súa propia proposta do representante do Ministerio na Comisión, levou á aprobación da inclusión do lobo no devandito listado.
Cómpre subliñar que xa na primeira votación, que se saldara con empate a sete votos, tres abstencións e dúas comunidades que no quixeron participar, o Ministerio pretendeu usar o voto de calidade do presidente da Comisión para inclinar a balanza a favor das súas pretensións, algo que os propios servizos xurídicos do Ministerio rexeitaron, de igual forma que non consideraron adecuado, como pretendeu nunha primeira instancia o Secretario de Estado de Medio Ambiente, presente na reunión, que a decisión final ante o empate a adoptase a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera.
Nas súas intervencións ao longo da Comisión Sectorial, os directores xerais de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León puxeron de manifesto que, por vez primeira na historia de funcionamento deste órgano e do Comité Técnico e dos Grupos de Traballo dependentes da mesma, un Ministerio leva a proposta de inclusión dunha especie no Listado de Protección Especial ou no Catálogo de Especies Ameazadas sen tela consensuado antes, especialmente con aquelas Comunidades que albergan de forma maioritaria a poboación desa especie.
Cómpre lembrar que as catro Comunidades antes mencionadas opuxéronse á pretensión do Ministerio desde o primeiro momento en que se propuxo o informe do Comité Científico, e o fixeron de forma reiterada nos órganos técnicos existentes para chegar aos necesarios consensos: Grupo de Traballo e Comité de Flora e Fauna Silvestre. Este rexeitamento baseouse en informes técnicos e científicos que merecen o máximo respecto. Sen embargo, durante a reunión da Comisión Sectorial, nin o Ministerio nin ningunha das Comunidades Autónomas que apoiaron a súa proposta presentaron documentos que avalen a súa postura ou desmintan os informes técnicos que Galicia, Asturias, Cantabria e Castilla e León enviaron ao Ministerio e ás demais comunidades.
O único aval científico que no seu día presentou o Ministerio foi o informe dun Comité Científico que, de entrada, rexeitaba a pretensión da organización ecoloxista que iniciou este proceso de catalogar o lobo como especie ameazada, precisamente porque non se acreditaban ningunha das condicións que determinan esa consideración xa que as poboacións de lobo en España está acreditado técnica e cientificamente que aumentaron en área de distribución e en exemplares de forma moi importante nos últimos 20 anos.
Sen ningún criterio que teña que ver coa conservación ou xestión da especie, ese mesmo Comité recomenda que o lobo sexa incluído no Listado de Especial Protección pola “súa importancia como patrimonio natural, científico, así como polos servicios ambientais que produce nos ecosistemas”, argumentos que son perfectamente compatibles coa xestión que veñen realizando as Comunidades ao norte do río Douro e que, de feito, se recollen nos nosos plans de xestión.
O propio Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación opúxose ás pretensións do Ministerio para a Transición Ecolóxica con argumentos moi similares aos expostos polas catro Comunidades: por non corresponder coa situación real e a evolución das poboacións e por xerar un grave problema na xestión da gandaría extensiva, moi ameazada polo forte incremento do lobo.
Análise xurídico da decisión e posible conflito competencial
Desde os servizos xurídicos das catro Comunidades analizaranse as circunstancias que rodearon a esta sesión da Comisión Estatal Sectorial e o propio acordo adoptado, ademais de promover todos os recursos que estean ao seu alcance para impedir unha decisión que non ten ningún fundamento técnico nin científico.
Así mesmo, tamén manifestaron que este acordo, de levarse a termo, pode vulnerar as competencias exclusivas en materia de caza das Comunidades Autónomas cando a propia normativa comunitaria permite que as poboacións de lobo ao norte do Douro poidan ser xestionadas con normas cinexéticas, ademais de supoñer un gravísimo problema para a xestión da propia especie e a súa imprescindible compatibilidade coa gandaría extensiva, unha actividade económica clave para as zonas rurais, como fonte xeradora de alimentos de calidade e ferramenta na loita contra o despoboamento.
Os gandeiros e o rural, principais afectados
Por último, os conselleiros de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León coincidiron en expresar o seu profundo malestar coa actitude da ministra Teresa Ribera e do Secretario de Estado Hugo Morán, que nin sequera responderon ás súas solicitudes dos últimos meses para celebrar reunións ao máis alto nivel co fin de tratar este asunto.
Lamentan así mesmo a falta de diálogo e de consenso por parte dos representantes do Ministerio e á vez denuncian a debilidade desta decisión, alcanzada por unha maioría moi axustada e nada representativa en canto á presenza do lobo no país, continúan sendo garantes da conservación desta especie e da xestión dun conflito no que os principais afectados son os gandeiros e as zonas rurais.