HomeXunta de GaliciaGalicia rexistrou un mes de outubro seco e moi cálido

Galicia rexistrou un mes de outubro seco e moi cálido

- Anuncio -spot_img
  • O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a temperatura media en outubro foi de 16,1 graos, o que supón 1,6 graos máis do valor normal neste período
  • A precipitación media acumulada en Galicia o pasado mes foi de 123 l/m2, un 26% inferior ao habitual

O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro seco e moi cálido.

En concreto, o pasado mes caracterizouse por unha primeira parte, ata o día 18, con predominio de altas prestacións, que deixaron tempo seco e moi cálido. A partir do día 19, as temperaturas descenderon e as precipitacións foron aparecendo con máis frecuencia e intensidade.

Con todo, as temperaturas medias do mes quedaron moi por riba do que sería de agardar en outubro e as precipitacións que se foron acumulando nos últimos días non puideron chegar aos valores propios deste mes na maior parte de Galicia.

No que respecta ás temperaturas, a media en outubro para a serie rexional foi de 16,1 graos, 1,6 graos máis do valor habitual neste período, o que significa que se tratou dun mes moi cálido. De feito, segundo os datos rexistrados en once estacións meteorolóxicas representativas, as desviacións medias das temperaturas mínima (0,9 graos) e máxima (2,4 graos) foron tamén superiores aos valores normais neste mes.

Máis polo miúdo, a media da temperatura mínima en Galicia en outubro foi de 9,9 graos. Os valores máis baixos (5,1 graos e 6,3 graos) rexistráronse nas comarcas da Limia e de Verín e nas serras da Queixa e Eixe, mentres que os más altos (entre 13,8 graos e 14,9 graos) localizáronse nas zonas costeiras das rías de Pontevedra e Vigo. En canto ás temperaturas máximas, a media foi de 20,4 graos. Nas ribeiras do Miño ourensá e nos vales dos ríos Sil, Soldón, Támega e Tea rexistráronse os valores máis altos (entre 22,9 e 24,5 graos) e os máis baixos (entre 14,7 graos e 16,3 graos) déronse nas serras da Queixa e Eixe.

Por outra banda, a precipitación media acumulada para a serie rexional en Galicia no mes de outubro foi de 123 l/m2 e, segundo o valor medio das anomalías rexistradas nas 16 estacións meteorolóxicas representativas, isto supón un 26% menos do habitual neste período, polo que se considera seco.

As cantidades de precipitación máis elevadas rexistráronse na fachada atlántica, con valores de entre 250 e 300 l/m2, chegando aos 350 l/m2 na contorna da serra do Suído. Pola contra, os acumulados máis baixos, que oscilan entre os 20 e os 40 l/m2, atópanse na metade setentrional da Mariña e en áreas dos vales dos ríos Sil e Navia.

Publicacións Relacionadas