Ángeles Vázquez insiste na necesidade de adoptar medidas ante a situación insostible que está a soportar o sector gandeiro polo elevado número de ataques que provoca que algunhas explotacións xa sexan inviables
Galicia solicitou hoxe no Senado que as comunidades autónomas poidan realizar accións de control puntual sobre o lobo así como a revisión do nivel de protección desta especie para adaptalo á realidade de cada territorio.
Durante a súa intervención no debate sobre a xestión do lobo na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas da Cámara Alta, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, insistiu na necesidade de adoptar medidas ante a “situación insostible” que está a soportar o sector gandeiro polo elevado número de ataques que provoca que algunhas explotacións xa sexan inviables desde o punto de vista económico.
Nesa liña, a conselleira expuxo que desde a inclusión do lobo na Listaxe de especies silvestres de réxime de protección especial (Lesrpe), en setembro de 2021, en Galicia os avisos por ataques incrementáronse nun 72% e o número de reses afectadas sufriu un aumento dun 57%. Ademais, os datos do censo elaborado pola Xunta estiman que a poboación desta especie se mantén estable na Comunidade con arredor de 93 mandas, polo que o Goberno galego considera que o estado do lobo non é desfavorable.
A maiores, engadiu que a Unión Europea avala a posición que defende Galicia e, de feito, o Comité Permanente do Convenio de Berna do Consello de Europa aprobou recentemente a proposta para mudar o status internacional do lobo de estritamente protexido a protexido.
A conselleira incidiu en que a fauna silvestre e o gando teñen que coexistir e o único modo de garantir esa convivencia é que, cando existan razóns debidamente acreditadas, as administracións realicen accións de control puntual sobre a especie e tamén reiterou a solicitude de que o Goberno central rectifique a súa decisión de incluír o lobo no Lesrpe porque responde unicamente a criterios culturais e razóns ideolóxicas, pero non obedece a aspectos obxectivos nin ao seu estado favorable ao norte do río Douro.