— O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude felicita persoalmente ao que ata agora era o programador da entidade
— O equipamento, con sede na Coruña e dependente da Xunta, conta con sala de proxección, mediateca e arquivo fílmico
O experto en cinema e audiovisual Jaime Pena foi nomeado novo director da Filmoteca de Galicia, posto que pasa a ocupar despois de ter desenvolvido a maior parte da súa actividade profesional como programador da cinemateca da Xunta durante máis de tres décadas.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, felicitou ao novo director nunha visita ás propias instalacións na Coruña, acompañado pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, onde resaltou “a gran profesionalidade demostrada durante todos estes anos tanto na filmoteca como con outras iniciativas”. Un encontro no que aproveitou, ademais, para poñer en valor “o gran labor desenvolvido polo equipo para a salvagarda do noso patrimonio audiovisual e a achega ao público dunha programación de calidade”.
Entre os labores que pasará a desenvolver figuran a dirección no deseño da configuración da carteleira de cine que se exhibe na sala de proxeccións José Sellier da sede da Filmoteca na Coruña e das súas extensións noutros espazos colaboradores, a da actividade pedagóxica, centrada sobre todo nos programas didácticos Cinema en curso e Fotografía en curso, así como as accións dirixidas á salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego. Tamén lle corresponde a relación con estruturas ou organismos homólogos nacionais e internacionais como arquivo e mediateca membro da International Federation of Film Archives, así como a xestión ordinaria da entidade dentro do organigrama da Axencia Galega das Industrias Culturais, dependente á súa vez da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Sobre Jaime Pena
Jaime José Pena Pérez (Miño, A Coruña, 1965) é licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Ata a actualidade viña ocupando o posto de programador da Filmoteca de Galicia (e con anterioridade e desde 1992 no Centro Galego de Artes da Imaxe, a súa antiga denominación). Alí leva desenvolvido labores de coordinación da programación anual cinematográfica, así como actividades formativas e publicacións.
É tamén profesor do Máster en Produción e Xornalismo Audiovisual da Universidade da Coruña e Fundación Santiago Rey-Fernández Latorre e do Máster de Crítica Cinematográfica (ECAM-Caimán Cuadernos de Cine) e membro do Comité de Redacción e colaborador regular da revista especializada Cahiers du Cinema (2007-2012) e da súa continuadora, Caimán Cuadernos de Cine (desde 2013).
Ten participado en traballos de investigación no Departamento de Historia do Cine-Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (1998-1992), foi membro do comité organizador dos Congresos da Asociación Española de Historiadores del Cine na Coruña (1993) e Ourense (1999), así como do Simposio Internacional 100 años de Cine (A Coruña, 1993).
Exerceu como asesor internacional de programación no Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente (Bafici) en 2013, 2014 e 2016, colaborou nas revistas arxentinas El amante (2004-2019) e A sala llena (2018 ata hoxe), e ten publicado artigos en distintas publicacións especializadas e xornais de información xeral como La Voz de Galicia, ABC ou La Vanguardia.
Como autor, asinou os libros Ramón Torrado, cine de consumo no franquismo (CGAI-Xunta de Galicia, 1993), La Coruña y el cine (Vía Láctea, 1995), El espíritiu de la Colmena (Paidós, 2004), Cine Español. Otro trayecto histórico (IVAC, 2005), os tres títulos xunto a José Luis Castro de Paz, e El cine después de Auschwitz. Representaciones de la ausencia en el cine moderno y contemporáneo (Cátedra, 2020). E como coordinador participou noutra decena de volumes e ten escrito colaboracións en preto de medio centenar de libros colectivos que abordan aspectos históricos ou de análise sobre distintos períodos temporais ou territorios.