O director de Turismo de Galicia asistiu á saída dos corredores na 17 etapa, onde lembrou o potencial dos eventos deportivos para posicionar Galicia como destino
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na despedida da popular competición ciclista La Vuelta, que abandona a comunidade galega tras tres etapas percorrendo o territorio. Por primeira vez, a proba ten no Barco de Valdeorras unha das súas sedes, neste caso como localidade de saída da 17 etapa.
O director de Turismo de Galicia destacou o papel dos eventos deportivos na promoción turística. No caso de La Vuelta, incidiu “na ampla repercusión que acada a proba, retransmitida en 190 países, para presentar o patrimonio natural e histórico da rexión ante novos públicos”.
Xosé Merelles lamentou os incendios acontecidos este verán que azoutaron especialmente a provincia de Ourense pero salientou que eventos coma este, con tanta proxección mediática, supoñen un aporte na posta en valor do territorio, sobre todo cando este se vaia recuperando. Neste sentido, amosou o seu desexo de que proba visite de novo Galicia en vindeiras edicións, ao tempo que sinalou que se trata “dunha ferramenta ideal para posicionar Galicia como destino”.
Xosé Merelles abundou ademais na tradición ciclista en Galicia, que en 2022 recuperou a Volta a Galicia baixo a denominación ‘O Gran Camiño’, proba con cinco etapas e 635 quilómetros de percorrido calificable na UCI World Ranking, a clasificación internacional de ciclistas. Ademais, relacionou a práctica co turismo activo, dentro do cal o cicloturismo está a adquirir especial relevancia na comunidade. Na actualidade, dous dos 17 itinerarios da rede Eurovelo rematan en Galicia, nos que a Xunta leva invertidos máis de 1,37 M€.
La Vuelta
Esta é a terceira etapa en solo galego de La Vuelta, que lidera actualmente o ciclista danés Jonas Vingegaard, seguido de cerca polo portugués João Almeida. A primeira das tres etapas, a de entrada na comunidade, partiu o domingo 7 de setembro da localidade asturiana da Veiga/Vegadeo para chegar tras 167 quilómetros a Monforte de Lemos.
Tras descansar o luns, a competición retomouse o martes 9 de setembro, cunha etapa de media montaña de 172 quilómetros que levou aos participantes desde Poio ata o Castro de Herville, en Mos. Agora, a volta ciclista despídese de Galicia saíndo do Barco de Valdeorras para, despois de 143 quilómetros, finalizar no Alto de El Morredero, en Ponferrada.