Lara Meneses pon en valor a práctica de actividades en contacto coa natureza nos campamentos de verán

adminON
Lectura mínima de 3

— A directora xeral de Xuventude visita os participantes en iniciativas de Vilanova de Arousa, Fornelos de Montes e Mos


— As estadías forman parte da campaña ‘O teu mellor verán’ da Xunta de Galicia, que ofrece 1.965 prazas na provincia de Pontevedra

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou esta mañá os mozos e mozas dos campamentos O mar que imaxinas e Kiriko Aventura e do campo de voluntariado Aldea Afacuca, que se celebran estes días na provincia de Pontevedra e onde puxo en valor a gran variedade de campamentos incluídos na campaña da Xunta O teu mellor verán que, no caso desta provincia, ofrece 1.965 prazas.

No marco destas visitas, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou tamén a riqueza da programación que se ofrece nestes campamentos, a cal favorece o contacto da mocidade coa natureza ao participar en actividades orientadas ao mar, ao coidado de animais de granxa e ao mantemento da contorna natural.

Baixo o nome O mar que imaxinas, o albergue xuvenil As Sinas acolle en Vilanova de Arousa a 120 mozos e mozas de Galicia e outras comunidades de entre 13 a 15 anos. Neste espazo á beira do mar, realizan actividades náuticas coma vela, snorkel ou paddlesurf. Ao mesmo tempo, en Fornelos de Montes, 44 participantes conviven no centro de educación ambiental El Kiriko, onde realizan actividades como rutas de sendeirismo, xincanas, obradoiros de cociña e campionatos de fútbol.

Por último, Lara Meneses tamén visitou o campo de voluntariado Aldea Alfacuca, no concello de Mos, onde 11 mozos e mozas de entre 18 e 28 anos colaboran en actividades medioambientais que implican accións coma o coidado da vexetación e a rehabilitación e acondicionamento dos espazos da aldea.

Actividades dedicadas á mocidade
Baixo o lema O teu mellor verán, a Xunta de Galicia propón durante os meses de xullo, agosto e setembro actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo. A programación, que inclúe campamentos, campos de voluntariado, programas de intercambio e actividades de ocio alternativo, conta cun total de 11.533 prazas, o que supón a maior oferta da historia.

Comparte este artigo