É a terceira confirmación da vindeira edición desta cita, tras os concertos de Franz Ferdinand o 15 de febreiro na Coruña e a americana Anastacia o 16 de marzo en Vigo
A nova xira de Lenny Kravitz recalará no Coliseum da Coruña o vindeiro 10 de abril na nova edición do Gozo Festival 2025 que se volverá realizar co impulso da Xunta de Galicia. Trátase da terceira confirmación de O Gozo Festival 2025, tras o anuncio dos concertos de Franz Ferdinand o 15 de febreiro na Coruña e a americana Anastacia o 16 de marzo no Auditorio do Mar de Vigo.
Galardoado con catro premios Grammy, escritor e produtor, Lenny Kravitz traerá a Galicia a súa xira mundial Blue Electric Light Tour. Considerado un dos músicos de rock máis importantes dos últimos anos, leva máis de tres décadas de carreira musical. As entradas para o concerto de A Coruña poranse á venda o vindeiro 24 de outubro ás 10 horas en Livenation.es, Ticketmaster, El Corte Inglés y Ataquilla.
A Xunta de Galicia continúa así dinamizando a oferta turística das cidades co apoio a grandes concertos e festivais como O Gozo Festival, que naceu en 2022 co apoio ddo Goberno galego, ano no que se programaron diferentes concertos en diferentes cidades galegas cun elenco de importantes artistas internacionais, referentes nos seus respectivos ámbitos.
Na edición deste ano 2024, máis de 75.000 persoas asistiron aos concertos de Ed Sheeran, Maná, Bomba Estéreo, Queens of the Stone Age, The Warning, entre outros, con público procedente de máis de 20 países, como México, Finlandia, Brasil ou Xapón. Ademais, está previsto que o 15 de decembro actúe tamén Rod Stewart no Coliseum da Coruña, tamén ao abeiro de O Gozo Festival.

