- Garante o apoio da Xunta noutra tempada máis e fai fincapé no ITF World Tennis Tour Junior, celebrado a mediados de outubro e que, ao longo das súas 22 edicións ten traído a Sanxenxo a tenistas da talla de Carlos Alcaraz, Casper Ruud ou Jannik Sinner
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe no almorzo informativo celebrado polo Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo (CCDS) para dar conta da tempada que vén de rematar e avanzar a programación da actual 2024/2025.
O mandatario galego centrou a súa intervención nos catro torneos internacionais que celebra a entidade pontevedresa ao longo do ano -o ITF M15, o ITF Master, o Internacional Cadete e o ITF Júnior, todos eles co apoio da Xunta de Galicia- para asegurar que o CCDS é “unha das entidades privadas que máis aposta polo deporte da raqueta en Galicia”. Asemade, Lete Lasa apuntou que o traballo da Cultural é unha das principais razóns de que as licenzas en Galicia se incrementaran nun 50% dende 2009 ata estar preto das 7.500, sendo especialmente significativo o aumento feminino nun 75% ata máis de 2.300.
Lete Lasa fixo fincapé no ITF World Tennis Tour Junior, celebrado a mediados de outubro e que, ao longo das súas 22 edicións ten traído a Sanxenxo a tenistas da talla de Carlos Alcaraz, Casper Ruud ou Jannik Sinner. Neste sentido apuntou que, “os xogadores que destacan neste torneo das Rías Baixas son os que dominan o panorama mundial do tenis nos anos seguintes”.
Con respecto á oferta da Cultural, o secretario xeral para o Deporte destacou a importancia da organización de eventos coma estes torneos internacionais que, “ademais do seu evidente valor deportivo, tamén contribúen ao turismo galego pola gran cantidade de deportistas e acompañantes desprazados non só doutros lugares de España, senón doutros lugares do mundo”. Así, lembrou que os preto de 300 xogadores dos torneos cadete e júnior representan a preto dunha corentena de países.
O Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo conta, ademais das 161 licenzas de tenis (das que máis da metade, 85, son de categorías inferiores) con outras 207 de pádel. Lete Lasa garantiu o compromiso da Xunta para “seguir contribuíndo, man a man, á mellora do deporte galego e, sobre todo, do deporte de base”.

