Lete Lasa pon en valor o tenis de Galicia cun “circuíto difícil de igualar” no que o ITF M15 de Pontevedra xa é unha cita que congrega aos mellores xogadores

Redacción
Lectura mínima de 2

_Destaca a aposta do Club de Tenis Pontevedra que o ano pasado estreou este torneo e anima aos tenistas galegos que participarán destacando a Rafa Izquierdo, Tomás Currás, Martín Rodríguez e Ander Tarrío

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do torneo internacional de tenis II Pontevedra Open ITF M15, organizado polo Club de Tenis Pontevedra, que este ano celebrará a súa segunda edición tras o éxito colleitado en 2024. Neste sentido destacou algúns dos nomes propios que xogarán en Pontevedra do 6 ao 12 de outubro como o ex número 1 mundial júnior, Yaroslav Demin, que chegou á final na edición anterior, ou o actual número 1 da categoría, Ivan Ivanov que vén de gañar Wimbledon e o US Open.

Lete Lasa amosou o seu convencemento de que os tenistas galegos como Rafa Izquierdo, Tomás Currás, Martín Rodríguez e Ander Tarrío realizarán un gran papel entre tantas estrelas do panorama mundial. Neste sentido destacou que o “tenis galego ten moitos motivos para presumir” como o “circuíto de eventos tenísticos difícil de igualar” que, ademais do Internacional ITF M15 de Pontevedra conta co ITF World Tennis Tour Junior e Torneo Internacional Cadete de Sanxenxo, o Torneo Internacional ITF M15 de Sanxenxo, o Vigo Tenis Open, o Torneo Internacional Feminino de tenis W50 de Ourense, o Torneo Internacional de Tenis Feminino Cidade de Vigo W35, o Tenis Europe sub 14 A Coruña ou o Tenis Europe sub 14 Pontevedra.

O secretario xeral para o Deporte lembrou o excelente momento do tenis de Galicia con dous representantes como Martín de la Puente, número 3 mundial en tenis en cadeira de rodas, que vén de proclamarse campión en individual e dobres do Sardinia Open, mentres que Jessica Bouzas, número 47, vén de chegar ata a  terceira rolda do WTA 1.000 de Pequín.

Comparte este artigo