— A partida abrangue intervencións directas de acondicionamento e mantemento en xacementos e outras tarefas de estudo, documentación e divulgación dos bens
— Resalta “a continuidade dun plan de actuacións que nos últimos anos propiciou a posta en valor do patrimonio máis senlleiro da Comunidade”
— Ademais, fai fincapé “nun aumento económico considerable e dos lugares históricos sobre os que se actúa para a súa conservación, investigación e apertura”
A Xunta de Galicia destina este ano 1,5 M€ para 81 accións en xacementos ao abeiro do Plan de actuacións arqueolóxicas. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante a visita que realizou, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, ao castro de Montes Claros, na Laracha, onde a semana pasada se iniciaron uns traballos nos que se invisten 17.800€.
Así, tal e como explicou o representante do Goberno galego, “dáselle continuidade a unha folla de ruta que durante os últimos anos propiciou a posta en valor do patrimonio máis senlleiro da Comunidade”, destacando que neste 2025 “aumentou de maneira considerable a partida reservada para arqueoloxía, acorde ao incremento do número lugares históricos e de actuacións destinadas ao acondicionamento, conservación, investigación, catalogación e divulgación dos nosos bens culturais”.
Neste senso, lembrou que se trata de intervencións que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude realiza en solitario ou en colaboración con institucións académicas e concellos, incluíndo tarefas que van desde escavacións, limpezas, prospeccións, reparacións ou traballos paralelos de documentación para o desenvolvemento de accións divulgativas, así como outros labores de xestión precisos para a salvagarda do patrimonio.
Deste xeito, a actividade arqueolóxica financiada polo Executivo autonómico abrangue moi diversos enclaves que van desde castros, castelos, vilas romanas, minas, mámoas, ou arte rupestre, entre outros. Un exemplo é o castro de Montes Claros, o poboado castrexo de titularidade municipal onde se realiza unha das 14 intervencións localizadas na provincia da Coruña.
Escavacións no castro de Montes Claros
Durante a visita ao xacemento do municipio coruñés da Laracha, López Campos reiterou que un dos obxectivos fundamentais da Xunta con esta planificación de actuacións é, ademais da conservación, “a posta en valor destes bens patrimoniais e a apertura á poboación para o seu coñecemento, así como a investigación, que sempre nos permite continuar a facer achados de gran relevancia para a nosa historia”.
Neste senso, en Montes Claros estanse a levar a cabo traballos de escavación con metodoloxía arqueolóxica cara a zona do torreón para ampliar estruturas. A isto, únenselle labores de conservación, musealización e consolidación da superficie escavada coa finalidade de facilitar a visita pública. Ademais, a campaña contempla o estudo e preservación dos materiais arqueolóxicos recuperados e accións como visitas e charlas que teñen que ver coa súa divulgación cara a cidadanía.
Con esta intervención continúa o programa de recuperación e posta en valor do castro, promovido polo concello da Laracha desde o 2017, cando se iniciaron os primeiros traballos de limpeza da vexetación para converter o espazo nun referente cultural para a zona. Un obxectivo que continuou con diversas campañas para visibilizar o conxunto de estruturas que compoñen o poboado, a última delas o ano pasado, tamén apoiada pola Xunta, cando se realizaron novas escavacións que afondaron no coñecemento do ben.