- O representante autonómico fai fincapé na xuventude da maioría dos máis de 1300 intérpretes que integran as 20 agrupacións participantes nunha das edicións máis numerosas deste concurso
- O encontro, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares co apoio da Xunta, continúa apostando pola internacionalización, con formacións chegadas de Portugal e Colombia
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, interveu esta noite na gala de clausura e de entrega de premios do XVIII Certame Galego de Bandas de Música Populares, que se celebrou durante toda a fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra. Por este escenario pasaron 20 agrupacións procedentes de diferentes puntos de Galicia, así como de León, Portugal e Colombia, sumando máis de 1300 intérpretes na que foi unha das edicións máis multitudinarias do concurso que convoca anualmente a Federación Galega de Bandas de Música Populares co apoio económico da Xunta.
O titular de Cultura do Goberno galego felicitou tanto a organización como as bandas participantes polo alto nivel do encontro que, nas súas palabras, chega á súa maioría de idade “confirmándose como unha das principais citas neste ámbito musical, non só en Galicia, senón tamén fóra da Comunidade”. Na súa intervención, puxo o foco na xuventude dunha ampla porcentaxe dos músicos que tocaron estes días no Pazo da Cultura pontevedrés e que, nas súas palabras, “garante o futuro da nosa cultura bandística grazas ao compromiso e ao traballo cotiá a prol da incorporación das novas xeracións que se está a desenvolver tanto desde as numerosas formacións coas que conta Galicia como desde o colectivo que as agrupa e representa”.
Apoio á Federación Galega de Bandas de Música
Neste sentido, o apoio da Xunta á Federación Galega de Bandas de Música Populares esténdese tamén a outra serie de iniciativas encamiñadas a promover este relevo xeracional, fortalecer o tecido bandístico galego e favorecer a súa presenza fóra das nosas fronteiras. “O valor formativo, social e artístico das bandas de música convérteas nun dos piares da nosa cultura popular e nunha das mellores escolas para o talento musical galego”, continuou.
Referiuse, así mesmo, á dimensión internacional desta 18ª edición do certame, que consolidou a súa estreita relación con Portugal coa presenza de catro bandas lusas e recibiu, ademais, a Banda Sinfónica Juvenil de Caldas, no departamento colombiano de Antioquia. Contouse tamén coa participación de dous colectivos procedentes da cidade de León.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, quen acudiu a este evento acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, fixo tamén entrega de varios dos galardóns convocados. Ademais, Manuel Iglesias Martínez, integrante da Banda de Música Popular Airiños do Morrazo, de Moaña, recibiu nesta gala o trofeo honorífico “A toda unha vida” por máis de catro décadas dedicadas a dirixir, formar e acompañar as novas xeracións musicais.