- Fai fincapé na relevancia de accións que fagan incrementar o uso do noso idioma nos espazos sociais, presenciais e dixitais, onde as novas xeracións se relacionan
- Agradece a implicación do profesorado nesta tarefa colectiva, como reflicten as cualificacións académicas nesta materia similares ás de Lingua Castelá
- O representante do Goberno galego pon en valor que practicamente o 100 % da poboación sabe ler, escribir ou falar na nosa lingua
- A Enquisa sobre a percepción social do galego recolle que a maioría das familias non faría cambios no modelo lingüístico na escola e que só un 1 % aposta pola inmersión
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe a importancia de impulsar unha maior presenza do galego nas propostas de lecer para a rapazada, dentro e fóra das aulas, para incrementar o seu uso e prestixio. Fíxoo durante a clausura no colexio do Carballal en Marín do programa de dinamización lingüística 21 días co galego e+, cuxo remate sempre se fai coincidir coa data de celebración do Día da Lingua Materna, e no que estivo acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García.
Consecuentemente, considerou “imprescindible” fornecer o seu uso nos espazos de socialización, presenciais e dixitais, onde as novas xeracións máis se relacionan. Por estes motivos, puxo en valor o “importante papel” que para este obxectivo xoga o programa 21 días co galego e+, organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencias, Universidades e Formación Profesional.
Esta iniciativa, posta en macha o pasado 31 de xaneiro, desenvolveu durante tres semanas consecutivas obradoiros de regueifas, contacontos e actuacións musicais na nosa lingua nunha decena de centros de Educación Infantil e Primeira das catro provincias, contando coa implicación de preto de 4.000 persoas entre alumnado, profesorado e persoal administrativo e servizos.
Neste senso, López Campos agradeceu a implicación e o traballo do profesorado a prol do galego e considerou que esta entrega se reflicte tamén, tanto nas cualificacións académicas, “en equilibrio coas de Lingua Castelá”, como no feito de que “se está a demostrar que están garantidas as plenas competencias no seu uso”.
Ao respecto, apuntou que, nas diferentes etapas educativas de Primaria, Secundaria e Bacharelato, se están rexistrando puntuacións similares entre as materias de Lingua Castelán e Lingua Galega, “amosando unha total destreza nas dúas”. Ademais, subliñou os datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística que reflicten que “practicamente o 100 % da poboación saben ler, escribir ou falar en galego”.
Cómpre lembrar que a Enquisa sobre a percepción social do galego elaborada polo Instituto Sondaxe recolle que, en xeral, as familias están satisfeitas o moi satisfeitas co uso do galego no sistema educativo e que a maioría das consultadas —1200 con fillos e fillas en Primaria e Secundaria— rexeita cambios nas porcentaxes do uso do galego no ensino. “Só un 1 % aposta pola inmersión lingüística”, remarcou o responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego.
III ‘Encontro 21 días co galego e +’
Baixo o lema Medrando en galego, o alumnado dos colexios que tomaron parte nesta sétima edición intensificaron a súa expresión en galego durante estes 21 días cun obradoiro de regueifa impartido por Lupe Blanco, un contacontos a cargo de Celso Sanmartín e o espectáculo musical A voar de César Freirías Prado e a Cé Orquestra Pantasma.
O desenvolvemento de todas estas propostas quedarán nas redes sociais do programa e no seu blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se foron mostrando as creacións. Ademais, durante as tres fins de semana de duración do programa publicouse contido lúdico para que as familias continuasen o labor iniciado nos centros.
21 días co galego e + mantivo a colaboración co programa Galicia por diante, da Radio Galega, onde tivo unha sección diaria de luns a xoves, e co programa Dígocho eu!, da CRTVG, que celebrou encontros co alumnado dos 10 centros educativos. O alfinete de ouro da edición porao de novo o III Encontro 21 días co galego e +, que reunirá o vindeiro 25 de febreiro o alumnado e profesorado de todos os centros participantes no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela para compartir as súas experiencias nunha sesión lúdica.
Centros voluntarios participantes
Neste curso, o programa desenvolveuse nos colexios Francisco Vales Villamarín (Betanzos), Emilio González López (Cambre) e o La Grande Obra de Atocha (A Coruña), na provincia da Coruña; no Albeiros e no Illa Verde en Lugo; no Julio Gurriarán (O Barco de Valdeorras) e o Manuel Respino (A Rúa), na provincia de Ourense, e no centro do Carballal (Marín), de Sequelo (Marín) e no Manuel Cordo Boullosa (Ponte Caldelas), da provincia de Pontevedra.
Esta iniciativa de dinamización lingüística naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no Instituto da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola secretaría xeral da Lingua e a el adhírense os centros educativos de xeito voluntario.