Lorenzana destaca a aposta da Xunta de Galicia por incentivar o uso da madeira na construción cun investimento de 9 M€ en cinco anos

Redacción
Lectura mínima de 2
  • Informa de que a Xera xa traballa nunha nova convocatoria de axudas para este ano que, previsiblemente, se publicará antes do verán
  • Pon a Casa do Té como exemplo das múltiples posibilidades que ofrece a madeira galega na construción

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe a aposta que vén facendo a Xunta de Galicia por incentivar o uso da madeira na construción, cun investimento en axudas que, desde 2020, suma 9 millóns de euros.

Así o destacou hoxe nunha visita que realizou á Casa do Té, nos xardíns do Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia (Pontevedra), que é un dos proxectos que se levou adiante ao abeiro deste programa de apoios da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera).

Lorenzana informou de que a Xunta xa traballa nunha nova convocatoria para este ano que, previsiblemente, se publicará antes do verán cun orzamento similar á anterior (2024), que acadou os 5 millóns de euros de orzamento, a contía máis alta ata o momento.

Nesa última convocatoria resultaron beneficiados 250 pemes e particulares. E, desde 2020, foron 589 os beneficiarios cun importe total de 9 millóns de euros, apuntou.

Son axudas que poden chegar ata o 70 por cento do gasto subvencionable e que cobren a utilización de produtos en madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma tanto de naves e establecementos como de vivendas unifamiliares; así como a redacción dos respectivos proxectos.

Lorenzana, que estivo acompañada na visita polo director da Xera, Alfredo Fernández Ríos,  concluíu poñendo a Casa do Té como exemplo das múltiples posibilidades e calidades que ofrece a madeira galega na construción, algo que a Xunta vai seguir incentivando, dixo.

Comparte este artigo