- É a primeira da provincia en adherirse ao convenio de colaboración que asinaron a Xunta de Galicia, Abanca e a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes)
- Este acordo permite que naqueles concellos do rural galego con menos de 20.000 habitantes sexa posible retirar pequenas cantidades de diñeiro nas estacións de servizo adheridas, que contan con terminais de puntos de venda (TPV) de última xeración habilitados
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a primeira estación de servizo da provincia de Pontevedra na que se poderá retirar diñeiro en efectivo a partir da vindeira semana ao estar adherida ao convenio de colaboración que asinaron a Xunta de Galicia, Abanca e a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes).
Este acordo permite que naqueles concellos do rural galego con menos de 20.000 habitantes sexa posible retirar pequenas cantidades de diñeiro nas estacións de servizo adheridas, que contan con terminais de puntos de venda (TPV) de última xeración habilitados.
Lorenzana explicou que a Xunta puxo en marcha esta iniciativa co fin de facer fronte ao despoboamento e, tamén, como unha medida para “ampliar o catálogo de servizos destes establecementos”.
Estímase que a implantación desta medida nos 290 concellos galegos con menos de 20.000 habitantes alcance nesta lexislatura “uns 200 establecementos, a metade das que actualmente están adheridas á Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes)”.