HomePontevedraCaldasLuisa Piñeiro inaugura o Obradoiro de Emprego Dual de Caldas de Reis...

Luisa Piñeiro inaugura o Obradoiro de Emprego Dual de Caldas de Reis centrado no Camiño de Santiago

- Anuncio -spot_img

Esta iniciativa desenvolverase durante nove meses con quince participantes no módulo de Actividades Auxiliares en Conservación e Aproveitamentos Forestais grazas a un investimento de 260.000€ da Consellería de Emprego e Igualdade
A representante autonómica destaca a “forte aposta da Xunta pola formación e o traballo” na provincia, que conta este ano con 22 obradoiros duais, oito deles para menores de 30 anos, cun orzamento de case 7,5 millóns de euros
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, inaugurou esta mañá o obradoiro de emprego dual Os Camiños do Camiño en Caldas de Reis, que acometerá a mellora de diversos espazos da ruta de peregrinaxe portuguesa ao seu paso polo municipio coincidindo co Xacobeo 21-22.
A representante autonómica, que inaugurou esta nova iniciativa laboral na compaña do alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, na Fábrica da Luz, destacou a “forte aposta pola formación, a inserción e o traballo” que vai desenvolver a Consellería de Emprego e
Igualdade ao longo deste na ano na provincia de Pontevedra, xa que ten en marcha un total
de 22 obradoiros, oito deles para menores de 30 anos, grazas a un investimento global de case 7,5 millóns de euros.
O obradoiro Os Camiños do Camiño contará coa participación de quince alumnos-
traballadores, que se formarán e mellorarán a súa empregabilidade ao longo dos vindeiros
nove meses no único módulo de Actividades Auxiliares en Conservación e Aproveitamentos
Forestais a través dunha achega do Goberno galego de 260.000€.
Os participantes complementarán a súa formación con ensinanzas en materias como prevención de riscos laborais, igualdade, alfabetización dixital ou sensibilización ambiental,
entre outras. Ademais, disporán da posibilidade, ao seu remate, de optar a contratos de
prácticas por espazo de tres meses en empresas da zona para completar a súa formación e
facer unha toma de contacto no mercado laboral en torno a estes oficios.
Luisa Piñeiro animou aos alumnos-traballadores de Caldas de Reis a “aproveitar esta
oportunidade grazas a este obradoiro impulsado pola Xunta e desenvolver un bo labor de
aprendizaxe para gañar coñecementos e experiencia e obter o certificado de
profesionalidade, xa que elo contribuirá decisivamente a dispoñer de máis opcións laborais
no regreso ao mercado de traballo cando finalice esta formación no outono de 2021”.
Ademais, destacou a importancia, especialmente no actual contexto da crise sanitaria, de
percibir unha remuneración mensual do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e dunha paga
e media de carácter extraordinario durante os próximos nove meses, “xa que permitirá
misturar a formación coa percepción de ingresos nun momento no que pode ser de gran
importancia para as familias”.

Por outra banda, o Consello da Xunta acaba de autorizar a convocatoria de axudas para a
realización de obradoiros de emprego durante o período 2021-2022. A Xunta investirá máis
de 30,2 millóns de euros na próxima quenda co obxectivo de que 1.500 persoas sen
emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo. A
previsión da Administración autonómica é poñer en marcha, en colaboración cos concellos e
as entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, un total de 81 programas (62 obradoiros
duais e 19 para mozos e mozas).

Publicacións Relacionadas