- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se dá publicidade ás axudas concedidas desta iniciativa para realizar formacións non regradas de curta duración e á carta de cada empresa
- As entidades e persoas traballadoras beneficiadas ao abeiro da convocatoria do ano pasado duplican ás da edición de 2023, cando se convocaron por primeira vez, e coa que se apoiaron microformacións para 532 persoas de 49 entidades
- Este ano o Goberno galego continuará dando pulo a esta iniciativa cunha nova convocatoria por valor de 2 M€
- O programa diríxese a empresas de calquera tamaño e persoas autónomas e con el finánciase formación nos ámbitos dixital, industrial, de xestión, de servizos persoais e a clientes, entre outros
- A iniciativa forma parte da aposta de Galicia por unha formación flexible e acorde ás necesidades do tecido empresarial e traballadores ocupados ou desempregados, e que seguirá desenvolvéndose cun decreto que regulará as microcredenciais
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro das convocatorias de 2023 e 2024 do programa Bono Talento Empresa para realizar formacións non regradas de curta duración, axustadas ás necesidades particulares de cada empresa e buscando reforzar as competencias e habilidades das persoas traballadoras. Así, na última edición desta iniciativa beneficiáronse dela 1.070 persoas traballadoras de 96 empresas, o que supón o dobre da convocatoria de 2023, a primeira destas achegas e coa que se apoiaron microformacións para 532 persoas de 49 entidades. Co fin de seguir potenciando esta iniciativa, este ano o Goberno galego publicará unha nova convocatoria dotada con 2 M€.
As principais destinatarias destas axudas, cofinanciadas pola Unión Europea a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027, son as microempresas e pequenas empresas —modelo maioritario no tecido empresarial galego— e a elas tamén poden acceder autónomos que teñan contratado a persoal por conta allea e medianas e grandes empresas, estas últimas incluídas como novidade na convocatoria de 2024. O importe subvencionable depende do tamaño da firma, ata un máximo de 25.000 euros.
Con estes apoios finánciase unha formación non formal de curta duración destinada a actualizar e mellorar os coñecementos e competencias dos cadros de persoal das empresas nos ámbitos dixital, industrial, de xestión, de servizos persoais e a clientes, para facelos máis competitivos nun contexto de rápidos cambios tecnolóxicos e organizativos. Destes aspectos, na convocatoria do ano pasado financiáronse 180 accións formativas e predominaron as do ámbito da xestión empresarial (76), seguido polo de servizos aos clientes (50) e logo as competencias dixitais (31). Na de 2023, apoiáronse 96 cursos e destacaron os relacionados coas competencias dixitais (37), seguido polos de xestión empresarial (21) e servizos aos clientes (19).
Estes modelos de experiencias curtas de aprendizaxe contribúen a atender as necesidades específicas das empresas galegas e a reforzar as competencias e habilidades dos traballadores. Ao mesmo tempo, promoven a mellora da empregabilidade das persoas beneficiarias e o seu talento, así como a competitividade do tecido empresarial galego. Neste sentido, estes proxectos formativos —compostos por un máximo de tres accións, cada unha de entre 16 e 100 horas— poden ser adaptados a nivel de contidos, programas ou persoal docente das propias accións ás necesidades específicas de cada solicitante. Deste xeito, búscase que as empresas dean resposta áxil e flexible a unha contorna laboral cambiante ante, por exemplo, a transición dixital e verde, ademais das novidades tecnolóxicas, de servizos ou organizativas.
Pulo á formación flexible e á carta
A iniciativa forma parte da aposta de Galicia por unha formación flexible e acorde ás necesidades do tecido empresarial e traballadores ocupados ou desempregados, e que seguirá desenvolvéndose cun decreto que regulará as microcredenciais
Neste marco, o impulso dos Bonos Talento Empresa compleméntase coa liña de formación regrada a demanda das empresas tamén dirixida a traballadores (4M€), e combínase cos convenios suscritos actualmente con nove clústeres galegos para a impartición de accións formativas deseñadas polas propias entidades ou as convocatorias abertas ata o 30 de setembro para apoiar as unidades formativas en empresas (8M€ e destinada a persoas desempregadas).
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250305/AnuncioG0767-210225-0001_gl.html