_As xornadas consisten na práctica deportiva do piragüismo nas dúas embarcacións tipo dragón adquiridass pola Xunta de Galicia en 2019 por importe de 26.953 euros
A Xunta de Galicia, a través do programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) desenvolve desde o pasado curso 2020-2021 a actividade deportiva escolar de piragüismo. Nesta segunda edición, como novidade e ante a boa resposta rexistrada, a actividade esténdese ás catro provincias galegas chegando a un total de 2.712 alumnos e alumnas de toda Galicia. A proposta realízase en colaboración coa Federación Galega de Piragüismo.
Na mañá de hoxe, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu á xornada de piragüismo levada a cabo pola Servizo Provincial de Deportes en Pontevedra na que participaron un total de 84 alumnos e alumnas de 6º de Primaria e 1º de ESO en dúas quendas. Esta foi a cuarta xornada das oito que se celebrarán na provincia de Pontevedra, cunha participación de 631 alumnos pertencentes a 19 centros educativos diferentes.
A xornada consiste na práctica deportiva do piragüismo nas dúas embarcacións tipo dragón adquiridas pola Xunta de Galicia en 2019 por importe de 26.953 euros. En 2020, a Secretaría Xeral para o Deporte adquiriu tamen un remolque destinado a esta actividade por 4.537 euros.
Nesta actividade 22 rapaces e rapazas embárcanse no dragón realizando un traballo en equipo: vinte padexan, un marca o ritmo co tambor e o monitor encárgase do temón. Os centros participantes traballan previamente a través da unidade didáctica ‘O piragüismo na escola’ preparada para ese efecto para que os escolares estean preparados para realizar esta actividade con garantías. A coordinación grupal e a colaboración son aspectos determinantes para que a embarcación se deslice a maior velocidade sobre a auga.
No caso de Pontevedra, os participantes gozarán desta experiencia nun lugar privilexiado como é o encoro do pontillón do castro de Verducido. Unha instalación onde adestran a diario os mellores piragüistas autonómicos e nacionais e onde se celebran importantes competicións.
Ademais destas xornadas celebradas en Verducido, o Servizo Provincial de Deportes de Lugo tamén realizou as xornadas de piragüismo do porgrama Xogade no mes de novembro cunha participación de 411 nenos e nenas. Do 9 de maio ao 25 de maio será a quenda de Ourense, que xuntará a 620 rapaces e rapazas no encoro de Castrelo de Miño e, por último, A Coruña celebrará as súas en Portosin e Ares cun total de 1.050 alumnos e alumnas entre os meses de maio e xuño.