— O Goberno galego destinou 2,7 millóns de euros ao programa EBici desde o seu comezo en 2022 ata o pasado novembro, data na que se pechou a última convocatoria
— A medida supuxo a mobilización de máis de 4,7 millóns de euros e sumou 167 entidades colaboradoras adheridas
— O vindeiro ano mantense esta iniciativa de impulso á mobilidade sostible, á que se reserva un millón de euros nos presupostos de 2025
Máis de 5.000 persoas beneficiáronse das axudas da Xunta para mercar bicicletas eléctricas de pedaleo asistido e de man para cadeira de rodas a través do programa EBici. Desde o seu inicio, en 2022, ata o peche da última convocatoria, o pasado novembro, o Goberno galego destinou preto de 2,7 millóns de euros á iniciativa. O programa, que supuxo a mobilización de máis de 4,7 millóns de euros e sumou 167 entidades colaboradoras adheridas, retomarase o vindeiro exercicio, cun orzamento dun millón de euros.
No que se refire aos datos por provincias, a maioría das axudas concedidas corresponden a Pontevedra, con 2.869 e 1,4 millóns de euros asignados, seguida da Coruña, con 1.583 axudas e máis de 780.000 euros. En Ourense concedéronse 573 axudas que suman 285.000 euros e en Lugo 368, con 181.000 euros.
Esta convocatoria bianual de axudas do programa Ebici consiste nunha rebaixa de ata o 50% do custo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 euros con carácter xeral. No caso de familias numerosas, o desconto aumenta ata un 60%, cun máximo de 600 euros; ou ata un 70% e cun máximo de 700 euros nas familias numerosas de categoría especial. Máis de 400 das persoas beneficiarias pertencen a algún destes colectivos.
Ademais, as persoas con mobilidade reducida tamén acceden a un desconto de ata o 70% do custo da bicicleta de man híbrida ou eléctrica para cadeira de rodas, cunha achega de ata 700 euros. Neste caso, o número de axudas concedidas foi de cinco.
En canto ás 167 entidades adheridas, 69 sitúanse en Pontevedra, 61 na Coruña, 19 en Lugo e 18 en Ourense. Trátase de establecementos comerciais abertos ao público en Galicia que se dediquen de xeito total ou parcial á venda de bicicletas con pedaleo asistido ou bicicletas de man eléctricas ou híbridas.
Impulso ao transporte non motorizado
O Programa EBici da Xunta busca fomentar a adquisición de bicicletas eléctricas e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas ao tempo que procura reducir a contaminación tanto ambiental como acústica e mellorar a saúde do conxunto da poboación. Búscase así minimizar o uso do coche particular e impulsar o transporte non motorizado, especialmente na contorna urbana e interurbana de proximidade, xa que concentran a meirande parte dos desprazamentos cotiás da poboación.
A iniciativa favorece polo tanto a mobilidade sostible e, ao mesmo tempo, contribúe a dinamizar o comercio local, estimulando a economía dos pequenos establecementos, preservando a identidade cultural e o patrimonio da comunidade.