- A conselleira do Medio Rural cualificou como “salto cualitativo” a transformación desta cita para chegar a ser oficialmente a Festa do Espumoso Galego
- Gómez participou hoxe no nomeamento dos novos confrades da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos e puxo en valor o seu papel como embaixadores deste produto
- Ademais, destacou os bos resultados da campaña da vendima nas cinco denominacións de orixe galegas deste ano, na que se colleitaron preto de 76 millóns de quilos de uva, dos cales 47,5 son das Rías Baixas
- Reafirmou o apoio da Xunta ao sector vitivinícola cun investimento de arredor de 12 millóns de euros para o 2026, aos que se lle suman os 10 millóns do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe no nomeamento dos novos confrades da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos, no marco da XI Festa do Viño Espumoso da Denominación de Orixe Rías Baixas, celebrada na localidade pontevedresa de Salvaterra de Miño. Alí, salientou que esta cita dá este ano un “salto cualitativo”, ao transformarse oficialmente na Festa do Espumoso Galego, grazas ao impulso dado pola Xunta ao evento.
Así, esta nova categoría da festa ten como finalidade impulsar o sector elaborador de viños espumosos galegos, dentro do conxunto de produtos das adegas acollidas ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas de Galicia. Trátase dunha aposta da Xunta por apoiar a diversificación, innovación e posta en valor dos viños galegos, e máis concretamente dos espumosos, reforzando a súa presenza e recoñecemento tanto no mercado interior como no exterior, segundo subliñou a conselleira, quen destacou ademais a importancia do sector para a nosa comunidade, ao que cualificou como “motor” do rural galego.
Durante a súa intervención, trasladou os seus parabéns aos novos confrades nomeados e recoñeceu o labor de promoción que realiza a Confraría dos Viños do Condado de Tea e Espumosos. Deste xeito, quixo resaltar o traballo que cada ano fan os viticultores e destacou os bos datos da vendima deste 2025, na que se colleitaron preto de 76 millóns de quilos de uva na cinco denominación de orixe galegas, a terceira máis abondosa da historia. No caos concreto da DO Rías Baixas, nela recolléronse 47,5 millóns de quilos.
Apoio ao sector vitivinícola
A Consellería do Medio Rural manterá no vindeiro ano o seu apoio ao sector vitivinícola cun investimento de arredor de 12 millóns de euros, con axudas para a reestruturación e reconversión de viñedo; a promoción do viño galego en mercados de terceiros países; a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e outros apoios, como son as achegas para manter a paisaxe da Ribeira Sacra.
Ademais, seguirase afondando na promoción destes produtos, e de todos aqueles amparados por un distintivo de calidade, co reforzo do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, dotado cun investimento de 10 millóns de euros no próximo ano, dous máis con respecto a este 2025.
Precisamente, a perfecta maridaxe de produtos galegos de calidade diferenciada ponse en valor tamén nesta festa de Salvaterra, na que a Consellería do Medio Rural dispuxo un posto cos queixos premiados na cata de Galicia 2025, que combinan de xeito moi adecuado cos viños espumosos presentes neste evento.



