- A conselleira do Medio Rural participou hoxe no nomeamento dos novos confrades da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos, á que louvou polo seu labor de promoción
- Ademais, resaltou o apoio da Xunta ao sector vitivinícola con axudas para a elaboración e comercialización dos seus produtos, dotadas con 11,5 millóns de euros no 2025, ou para a promoción a través do Plan Saborea Calidade Diferenciada
- A subzona do Condado agrupa a máis de 1.500 viticultores dentro da DO Rías Baixas e é a segunda máis importante en canto ao número de volume de uva recollida
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe no nomeamento dos novos confrades da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos, no marco da X Festa do Viño Espumoso da Denominación de Orixe Rías Baixas, celebrada na localidade pontevedresa Salvaterra de Miño. Alí, puxo en valor o bo facer dos viticultores e adegueiros da subzona do Condado dentro desta DO, na que ten especial relevancia a produción de espumosos.
Na súa intervención, a conselleira do Medio Rural trasladou os seus parabéns aos novos confrades nomeados e recoñeceu o labor de promoción que realiza a Confraría dos Viños do Condado de Tea e Espumosos. Deste xeito, quixo resaltar o traballo dos máis de 1.500 viticultores da subzona do Condado dentro da DO Rías Baixas, sendo a segunda con maior volume de uva recollida.
María José Gómez salientou a produción de espumosos nesta DO, que pasou nos seus inicios, hai máis de dez anos, de seis adegas e 18.000 litros ata as 22 bodegas actuais e superar os 110.000 litros producidos. Neste sentido, engadiu os bos resultados obtidos pola DO Rías Baixas na vendima deste ano, con máis de 42 millóns de quilos de uva de gran calidade que supuxeron o 57% dos recollidos no conxunto de Galicia, que foron 74 millóns.
Apoio ao sector vitivinícola
A conselleira do Medio Rural destacou o apoio por parte do Goberno autonómico ao sector vitivinícola e, neste sentido, resaltou as axudas da convocatoria de 2025 para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, dotadas con 11,4 millóns de euros, cun incremento do 75% con respecto á anterior.
Ademais, tamén fixo fincapé na promoción dos produtos agroalimentarios galegos e sinalou o Plan Saborea Calidade Diferenciada co que, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, se destinarán no próximo ano 8 millóns de euros para financiar accións directas da Consellería do Medio Rural e as axudas aos consellos reguladores para difusión dos seus produtos e para controis de calidade. A maiores, inclúe unha liña de apoio para a celebración de feiras e eventos gastronómicos promovidos polos concellos.
Por último, lembrou a importancia da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, cuxas ferramentas permiten seguir mobilizando terreo para poñelo en produción, neste caso, para favorecer a plantación de viñedo.