- A responsable autonómica salientou a importancia de dotar aos axentes dos medios necesarios para desenvolver o seu labor de xeito óptimo pois en moitos casos teñen que facelo en zonas escarpadas ou de difícil acceso
- O Executivo galego conta en Ourense cunha embarcación pneumática para actividades de control da pesca fluvial, dos espazos naturais así como o estudo e control da fauna e da flora ou colaborar en cuestións de seguridade cidadá
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, acompañou hoxe a un grupo de axentes ambientais durante os seus labores rutineiros de inspección en lancha polo río Miño, onde puxo en valor o traballo de inspección que realiza de xeito permanente a Xunta para velar pola protección e o coidado da flora e da fauna de Galicia.
A representante do Executivo galego salientou que para que esa actividade de control sexa efectiva é preciso que os axentes conten cos medios necesarios para desenvolvela en condicións óptimas, pois en moitos casos teñen que chegar a zonas escarpadas e de difícil acceso. É o caso das inspeccións no río Miño, que poden facerse desde a lámina de auga grazas á dispoñibilidade na provincia de Ourense dunha embarcación pneumática para labores de vixilancia e control das masas de auga da provincia e incluso, en caso de ser necesario, para colaborar en cuestións de seguridade cidadá.
Esta lancha da Dirección Xeral de Patrimonio Natural é de fácil traslado a calquera punto da provincia -pode ser levada por calquera vehículo ao dispoñer de remolque- polo que pode estar operativa de xeito inmediato en calquera masa de auga da provincia para velar polo cumprimento da normativa en materia de pesca fluvial, dos espazos naturais ou mesmo para facilitar o estudo e control da fauna e da flora na contorna dos cursos de auga navegables.
De feito, trátase dun equipamento apto para navegar polos encoros con aproveitamento de auga para abastecemento, como o que visitou a directora xeral en Castrelo de Miño, polo que contribúe a reforzar o control sobre o estado dos distintos hábitats e da biodiversidade existente na contorna.
De feito, este encoro conta con características que fan que distintas especies de aves hibernantes o elixan para convertelo no seu fogar, o que tamén o converte nun importante destino turístico desde o punto de vista ornitolóxico.