A conselleira do Mar, Marta Villaverde, foi nomeada este sábado Embaixadora da Confraría Centolo Larpeiro do Grove, sumándose así ás numerosas personalidades que cada ano reciben esta distinción que outorga o pósito en recoñecemento ao compromiso das mesmas coa gastronomía, o mar e a posta en valor dos produtos locais.
Villaverde, que agradeceu aos anfitrións a condecoración, gabou “o extraordinario labor” deste colectivo en prol da defensa, a promoción e a divulgación do peixe e marisco da zona; un compromiso que “compartimos desde a Xunta, así como a paixón polo mar, o respecto pola tradición e o entusiasmo por promover os produtos máis auténticos que saen das nosas rías”. E é que a actividade económica que xera este crustáceo ao longo deste mes, remarcou a conselleira, “converte a esta localidade do Salnés nun destino gastronómico de referencia en Europa, pero tamén como destino turístico integral”.



