- Tras asumir o autogoberno pleno da costa, convocarase a primeira orde de axudas para chiringuitos biosostibles (1 M€) e poranse en marcha o rexistro de autorizacións e concesións e o novo procedemento integrado para tramitar os títulos do litoral
- Ángeles Vázquez sinala que a dirección xeral encargada de previr e mitigar o cambio climático disporá dun 20,14% máis de fondos no ano en que se prevé a entrada en vigor da Lei do clima, que fixa o reto da neutralidade climática no horizonte de 2040
- Augas de Galicia dedicará 7 de cada 10 euros do seu orzamento a abastecemento e saneamento e case a metade, a mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas
- Tamén impulsará as 5 primeiras zonas de inundación controlada e incrementará nun 70% os fondos para as liñas de axudas dirixidas a concellos, cidadanía e asociacións
- Refórzase nun 17% a partida dirixida a conservación dos ríos, ata chegar aos 3,16 M€, e activarase un programa pioneiro de voluntariado para o mantemento de ribeiras
- A protección do patrimonio natural e paisaxístico concentrará 55 M€, co reforzo nun 36% das ordes de axudas para previr e paliar os danos da fauna silvestre e duplicando ata os 2 M€ as achegas de fomento do fermosismo para particulares
- Galicia estreará o próximo ano o primeiro centro autonómico de protección animal en Curtis, cun custo estimado de 2 M€ e capacidade para acoller 500 cans e gatos
- Lanzarase unha nova liña de apoio aos concellos para dixitalizar a recollida de residuos e impulsarase o primeiro Plan de acción contra o desperdicio alimentario
Os próximos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinarán un total de 35,5 millóns de euros —un 13,5% máis que en 2025— a conseguir que 2026 sexa o ano do impulso definitivo á xestión plena do litoral e ás políticas relacionadas co clima e os seus efectos, dous eidos clave para preservar a Galicia verde e azul a través da aposta por medidas, normativas e investimentos orientados a blindar o seu coidado e protección.
Durante a súa comparecencia ante a Comisión 3ª do Parlamento para presentar os seus oitavos orzamentos ao fronte desta área, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, cifrou en 417,3 M€ —sumando as partidas da secretaría xeral Técnica e de todas as direccións xerais, ademais das dos organismos públicos e sociedades dependentes— os fondos dos que disporá o seu departamento o ano que vén.
Despois de que o 1 de xullo se concretara o traspaso efectivo á Xunta das funcións e servizos para a ordenación do litoral, a responsable autonómica avanzou que 2026 será o ano no que comece a percibirse e concretarse que “Galicia autogoberna xa a súa costa”.
Neste sentido e tras lembrar que en 4 meses se deron pasos importantes que demostran a capacidade da comunidade para xestionar esta parte do territorio —con case 470 autorizacións e declaracións responsables sobre usos e actividades na costa—, Ángeles Vázquez adiantou algunhas das actuacións estratéxicas do seu departamento para avanzar na aplicación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral.
En concreto, explicou que, unha vez resolto o concurso de ideas para deseñar un prototipo de chiringuito biosostible e integrado coa costa, convocarase por 1 M€ a primeira orde de axudas para apoiar a construción de edificacións que sigan este modelo.
A Xunta tamén aprobará o Catálogo de bens de valor cultural do litoral (que identifica 1.582 elementos arquitectónicos, industriais e doutro tipo localizados na costa) e creará dúas novas ferramentas de xestión: o Rexistro do litoral, con todas as autorizacións e concesións que se outorguen en aras da transparencia, e o procedemento integrado para os distintos títulos de intervención no litoral, co que se busca axilizar a tramitación.
Dúas normas clave para a neutralidade climática
Tras destacar a coincidencia da súa comparecencia co Día internacional contra o cambio climático, a conselleira incidiu na importancia “cada vez maior” que se lle dá a esta data, que invita a reflexionar sobre a urxencia de políticas climáticas innovadoras e efectivas.
Consciente do reto que supón, sinalou que a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático disporá dun 20,14% máis de fondos para 2026, un ano no que, lembrou, se espera que entre en vigor a Lei do clima (que establece o obxectivo de acadar a neutralidade climática no horizonte de 2040) e que traerá tamén a previsible aprobación da Lei de administración ambiental simplificada, outra norma clave para situar Galicia nunha boa posición para afrontar os actuais retos climáticos e de descarbonización.
Entre os fitos máis importantes neste eido, destacou a plataforma tecnolóxica SICLE C02, licitada esta mesma semana e que permitirá desenvolver o primeiro mercado voluntario de créditos de carbono de todo o país para impulsar proxectos de absorción e compensar emisións, unha iniciativa orientada a avanzar cara á neutralidade climática; e a segunda convocatoria das axudas para impulsar a nivel local infraestruturas verdes e outras solucións fronte ao cambio climático baseadas na natureza, dotadas con 2 M.
Para consolidar a marca Galicia Refuxio Climático, melloraranse tamén os sistemas de alerta temperá e as redes de observación autonómicas, cun orzamento anual de 4,1 M€ e unha partida adicional de 600.000 € destinada a dotar a MeteoGalicia da tecnoloxía máis punteira; seguirase apostando polo programa Mocidade polo Clima para implicar ás novas xeracións no eido da prevención, mitigación e adaptación; e rematarase o estudo sobre ordenación do territorio baixo os efectos do cambio climático.
Augas de Galicia
Outro recurso clave na loita contra o cambio climático é a auga, un eido no que Ángeles Vázquez destacou que se fará un esforzo adicional en 2026 para seguir optimizando a súa xestión e garantir a futuro as reservas hídricas da comunidade. De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe un 5,5%, ata os 151,7 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora e creación de infraestruturas, a formación e a divulgación de técnicos e cidadanía e a execución de políticas de prevención ante os riscos climáticos e que aumenten a resiliencia hídrica da comunidade.
Só en materia de cambio climático, o organismo hidráulico reserva 13,4 M€ (case un 4% máis que este ano) para investimentos directos neste eido, aínda que, tal e como recalcou a conselleira, moitas das obras hidráulicas que están en marcha terán tamén un impacto positivo en zonas vulnerables a fenómenos como as inundacións ou a seca.
En concreto, anunciou que tras o encargo realizado este ano para deseñar un proxecto base, en 2026 impulsaranse as primeiras zonas de inundación controlada de Galicia, previstas en Valdecorvos (Pontevedra), Ponteceso, río Bispo, río Lagares e Vilagarcía de Arousa, cun investimento total estimado para deseño e construción de 7,4 M€. Tamén se seguirán executando obras importantes en Áreas con risco potencial significativo de inundación (Arpsis) como as do río Anllóns, en Ponteceso e Carballo (6,4 M€), Sada (6,4 M€), Ulla-Sar, en Padrón, Valga e Catoira (4 M€) e Fontecova, en Viveiro (1 M€).
Ademais, co fin de mellorar a capacidade de mapear, previr e actuar ante fenómenos climáticos adversos, seguirase apostando por Merlin e a súa optimización, un sistema punteiro para a predición de inundacións no que se apoia Augas de Galicia e que o ano que vén contará cunha nova páxina web.
En global, o organismo hidráulico dedicará 7 de cada 10 euros do seu orzamento a abastecemento e saneamento —108,7 M€— e case a metade —73,6 M€—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.
Esta estratexia de impulso ao tratamento das augas prestará unha atención especial á situación particular dos núcleos rurais, con investimentos que en 2026 suman 17,8 M€ —case un 40% máis que este ano— para dotar distintas áreas das catro provincias dos mellores servizos hidráulicos. O fin é acadar un rural sostible incidindo tanto nas contornas rurais dos grandes municipios como nos pequenos núcleos de poboación ou en zonas dispersas.
Outro capítulo destacado no orzamento de Augas é o da protección dos ecosistemas acuáticos, sobre todo nunha comunidade como Galicia, cunha grande cantidade de concas fluviais, ríos e zonas húmidas que son cruciais para a biodiversidade. Cun orzamento asignado a este apartado de 17 M€ (un 12,4% máis que este ano), a conselleira destacou a importancia do programa de mantemento e conservación fluvial para garantir “ríos sostibles e limpos” dos que a veciñanza poida desfrutar.
Neste sentido, destacou os 3,16 M€ reservados á execución deste tipo de labores no dominio público hidráulico o ano que vén, cun incremento do 17% e que permitirá tamén a posta en marcha dun programa pioneiro de voluntariado para o mantemento de ribeiras fluviais, coa idea de implicar e sensibilizar sobre todo a persoas mozas con fillos.
No eido da educación e concienciación sobre os recursos hídricos, a conselleira tamén se referiu ao lanzamento da iniciativa Lecer nos ríos, con 1 M€, que promoverá a realización de festivais e eventos ambientais en áreas fluviais con actividade de ocio e deportivas.
Por último, Ángeles Vázquez incidiu en que o apoio de Augas de Galicia ás entidades locais para garantir a prestación dos servizos hidráulicos municipais tamén se traducirá en 2026 no orzamento destinado ás distintas liñas de axudas que convoca cada ano. Serán, en total, 12,6 M€, un 70% máis que en 2025, a repartir entre diferentes ordes de subvencións dirixidas principalmente a entidades locais pero tamén a cidadáns particulares, comunidades de usuarios de traídas veciñais e mesmo asociacións.
Espazos naturais
Nesa aposta por unha Galicia máis sostible e resiliente, a comunidade busca avanzar no coidado e impulso da súa riqueza ambiental e na protección do territorio, polo que destinará 55 M€ á protección do patrimonio natural e paisaxístico.
Tal e como lembrou a conselleira, na actualidade o 42% da superficie galega conta con algunha figura de protección e para garantir a preservación desa riqueza ambiental, o Goberno galego convocará unha nova orde de axudas dotada con 2,3 M€ para a conservación e recuperación do patrimonio natural e cultural nos parques naturais, na Rede Natura 2000 e nas reservas de biosfera da Comunidade.
Máis polo miúdo, no que atinxe aos parques naturais, a Xunta destinará 2,1 millóns de euros a actuacións de mellora e conservación destes espazos. Entre as accións previstas están, por exemplo, un programa de protección de hábitats e restauración de terreos degradados no Invernadeiro; traballos de rexeneración, acondicionamento da rede de pistas e conservación de hábitats na Serra da Enciña da Lastra e na Baixa Limia-Serra do Xurés, ou o control de especies invasoras no Monte Aloia.
Tamén continuará a restauración e compra de terreos no Parque Natural Fragas do Eume ata acadar as 160 hectáreas, así como as actuacións de conservación en miradoiros, áreas de lecer e sendas no Complexo dunar de Corrubedo.
No caso do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, ademais de executar unha nova fase da Carta Europea de Turismo Sostible, acometerase a rehabilitación da fábrica de salazón de Sálvora, mentres que en Ons seguirán os traballos de restauración da capela e de mellora dos espazos de uso público.
En canto á Rede Natura 2000, Ángeles Vázquez subliñou o investimento de 1 M€ para aprobar 20 plans de xestión específicos para as zonas de especial conservación e protección amparadas baixo esta figura de protección.
No que atinxe á fauna silvestre, destacou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural reforzará nun 36% as distintas ordes de axudas para previr e paliar os danos causados por especies como o lobo, o oso e o xabaril, chegando aos 7,5 M€, garantindo deste xeito o compromiso do Goberno galego co sector agrogandeiro. Nese senso, a conselleira lamentou que o Executivo central siga sen convocar a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente para o reparto de fondos polo lobo que lle corresponden a Galicia.
Benestar animal e parques caninos
Ángeles Vázquez tamén puxo en valor a aposta da Xunta polo benestar dos animais de compañía. Así, en 2026 destinarase un total de 1,35 M€ ás axudas a concellos, entidades protectoras e particulares para a protección destes exemplares. Ademais, levaranse a cabo outras accións como a posta en marcha do primeiro centro autonómico de protección animal, en Curtis (A Coruña), cun custo estimado de 2 M€ e cunha capacidade para acoller 500 cans e gatos, ou o impulso á adecuación do centro de protección animal en Lugo, cun investimento de 250.000 euros para mellorar as instalacións actuais.
Tamén se seguirá promovendo a construción de parques caninos nas grandes cidades galegas. En concreto, unha vez asinado o convenio co concello de Ferrol, está previsto un orzamento de 400.000 euros para executar a construción dos de Ourense, Pontevedra, Lugo e Santiago, unha vez recibidas e avaliadas as correspondentes solicitudes. De feito, segundo explicou a representante autonómica, cada un destes concellos ten xa pechadas as parcelas destinadas á construción destes parques caninos, polo que o seguinte paso será a sinatura dos protocolos de colaboración.
No marco da aposta pola preservación do patrimonio natural galego, Ángeles Vázquez fixo tamén fincapé na necesidade de seguir a protexer e a poñer en valor a paisaxe como sinal de identidade da comunidade. Nesa liña, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) manterá a súa aposta polo fermosismo, duplicando ata os 2 M€ as achegas para corrixir impactos paisaxísticos para particulares.
A principal novidade neste eido é a creación da Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia, da que poderán formar parte aqueles municipios que teñan, polo menos, tres destes distintivos desde o ano 2020. As administracións locais adheridas a esta iniciativa tamén recibirán apoio técnico e económico.
Xestión de residuos
O compromiso do Goberno galego coa consolidación dunha comunidade verde e sostible inclúe a aposta por unha xestión eficaz e eficiente dos residuos que contribúa a avanzar cara a unha economía circular. Nesa liña, logo de subliñar que o vindeiro ano se porá en marcha en Sogama a primeira planta pública de España de clasificación de residuos téxtiles, a conselleira avanzou que se lanzará unha nova liña de apoio aos concellos para dixitalizar a recollida de refugallos, que complementará as axudas que vén convocando a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade para apoiar os concellos no exercicio das súas competencias nesta materia por un importe total de 8,2 M€.
A conselleira fixo fincapé en que unhas boas instalacións e un mellor servizo debe complementarse coa concienciación da cidadanía na “cultura da reciclaxe”. Así, en 2026 desenvolverase unha Estratexia de formación e sensibilización dirixida a diferentes colectivos —comercio local, comunidade educativa e cidadanía— ou por tipos de residuos, cun investimento de 1,8 M€.
Nesta materia tamén avanzou que o vindeiro ano se redactará e se comezará a implementar, cun orzamento de case 600.000 euros, as primeiras medidas do Plan de acción galego contra o desperdicio alimentario, unha iniciativa pioneira en Galicia.
Orzamento xeral da Xunta
Os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático enmárcanse nunhas contas da Xunta para 2026 que superan por primeira vez na historia a barreira dos 14.000 millóns de euros. En concreto, supoñen un 2% máis que en 2025 e porán o foco nas áreas sociais para seguir fortalecendo e modernizando un Estado de Benestar que favoreza a igualdade entre todas as galegas e galegos.
Deste xeito, os orzamentos de Galicia para 2026 reforzan o gasto social, dan un novo pulo á vivenda pública e priman a economía produtiva para xerar emprego estable e de calidade. Ademais, dotan de recursos as novas competencias do litoral asumidas este ano pola Xunta, melloran o coidado do territorio con máis medios e efectivos, aumentan o apoio aos concellos e comezan a preparar o Xacobeo 2027.



