- O director da Axencia Galega da Calidade da Consellería avogou polo traballo conxunto entre produtores, industria e administración para acadar un sector cada día máis competitivo
- A maiores, salientou o cultivo de pataca na nosa comunidade, especialmente o amparado pola IXP que, ademais de ter un gran peso na economía galega, xera emprego e fixa poboación no rural
- Poñendo o foco no futuro, centrouse no papel da mocidade no agro e destacou a importancia da formación e de darlles oportunidades a aquelas persoas mozas que queiran facer do rural o seu medio de vida
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou este mediodía na clausura do I Encontro Agroprofesional da Pataca, celebrado hoxe no concello coruñés de Coristanco. Durante a súa intervención, puxo en valor a cooperación, a investigación e a profesionalización como ferramentas para facer fronte aos diferentes retos do futuro no sector primario.
Tamén avogou polo traballo conxunto entre produtores, industria e administración para acadar un sector cada vez máis competitivo que poida superar desafíos como o cambio climático ou a competencia con outros países, e sinalou que eventos coma este demostran que cando “sumamos forzas avanzamos máis”.
Asemade, destacou o cultivo de pataca na nosa comunidade que, ademais de ter un gran peso na economía galega, xera emprego e fixa poboación no rural, o que a converte “nun referente de Galicia Calidade”. Alemparte lembrou que este produto conta cun selo de calidade propio, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia, que lle outorga valor engadido.
Formación da mocidade
Poñendo o foco no futuro, o director destacou o papel da mocidade no agro e incidiu na importancia de formar aos profesionais deste sector e de darlles oportunidades a aquelas persoas mozas que queiran facer do rural o seu medio de vida.
Seguindo esta liña, recordou que a Consellería fai unha decidida aposta pola formación e a remuda xeracional a través dos seis Centros de Formación e Experimentación Agraria, que suman alumnos neste presente curso. Incidiu en que a boa acollida destes ciclos formativos, que se complementan coa oferta doutros centros privados como é o caso da EFA Fonteboa, demostra o interese dos mozos e mozas por seguir nun rural “vivo, dinámico e rendible”.

