― Haberá un total de catro edicións do curso Grelo galego, un cultivo con futuro. Tradición, innovación e territorio, que serán impartidas por persoal experto en veterinaria e enxeñería agrónoma
― Impartiranse técnicas modernas de produción de grelo, así como nocións básicas de manexo integrado para poder identificar pragas e enfermidades que afectan ao grelo
― As accións terán lugar nos concellos de Ordes, O Rosal, Xinzo de Limia e Abadín
A Consellería do Medio Rural organizará catro accións formativas sobre o cultivo de grelo en Galicia. As xornadas Grelo galego, un cultivo con futuro. Tradición, innovación e territorio serán impartidas por expertos en enxeñería agrónoma e veterinaria.
Neste curso farase unha introdución á Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia, centrándose nos requisitos de certificación e as vantaxes da marca. Impartiranse tamén técnicas modernas de produción de grelo, así como nocións básicas de manexo integrado para poder identificar pragas e enfermidades que afectan ao grelo.
No eido do procesado, a calidade e a comercialización, a acción formativa afonda nos criterios de conservación e lavado dos grelos. Por último, impartirase unha sesión sobre a recolección mecanizada deste vexetal.
Celebraranse un total de catro edicións deste curso, noutras tantas localizacións, durante as fins de semana de novembro, divididas en dúas sesións. As clases dos venres -en horario de tarde- serán teóricas; mentres que as dos sábados -en horario de mañá- consistirán nunha demostración práctica de campo.
As xornadas formativas terán lugar no Mercado Agrario Comarcal Mesón do Vento de Ordes, os días 7 e 8 de novembro; na Oficina Agraria Comarcal do Rosal, o 14 e o 15; na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, o 21 e o 22; e no Concello de Abadín os día 28 e 29.
As persoas interesadas en inscribirse nesta acción poderán facelo enviando un correo electrónico ao enderezo direccion.agacal@xunta.gal ou no número de teléfono 881 996 280.



