HomeXunta de GaliciaO 061 de Galicia pon en valor o Camiño de Santiago como...

O 061 de Galicia pon en valor o Camiño de Santiago como espazo cardioprotexido e propón un decálogo de recomendacións para as camiñadas

- Anuncio -spot_img
  • Os 79 albergues públicos contan con desfibriladores externos semiautomáticos listos para o seu uso inmediato no caso de necesidade
  • Se padece algunha doenza crónica, é alérxico a algún medicamento ou padece algunha outra situación que considera importante, leve consigo un informe do seu médico

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ante o incremento do número de peregrinos na época estival, pon en valor a importancia do Camiño de Santiago como espazo cardioprotexido que dispón de desfibriladores semiautomáticos externos (DESA) nos 79 albergues públicos da comunidade galega.

A establecemento do Camiño de Santiago como espazo cardioprotexido mellora a cobertura sanitaria dos centos de peregrinos que realizan o percorrido do Camiño polo territorio galego, que no caso de sufrir unha parada cardiorrespiratoria puideran necesitar a aplicación dun DESA.

Deste xeito, cúmprense as recomendacións das principais sociedades científicas e guías internacionais de atención ás emerxencias, que certifican que a aplicación temperá dos DESA constitúe unha das estratexias máis efectivas para mellorar o prognóstico da morte súbita. Actualmente, a Comunidade Autónoma de Galicia conta con 3.453 DESA instalados en espazos públicos e preparados para o seu uso no caso de necesidade.

Decálogo sanitario para peregrinos

Por outra banda, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo encargado da atención ás urxencias e ás emerxencias fóra do ámbito hospitalario, reúne no seguinte decálogo as recomendacións para aquelas persoas que queiran realizar o Camiño de Santiago:

1.- Lembre que hai que ter unha boa forma física. Colla ritmo facendo longas camiñadas 15 ou 30 días antes de empezar o Camiño.

2.- Manteña o ritmo nas camiñadas. Recoméndase andar unha media entre 20 e 25 quilómetros ao día.

3.- Leve roupa cómoda, lixeira e que transpire, e un impermeable que pese pouco por se chove.

4.- Os calcetíns serán preferentemente de fío ou algodón para que o pé transpire. Deben estar ben axustados e adaptados. Cómpre evitar que formen engurras e dobraduras porque poden provocar bóchegas.

5.- Levar un bo calzado é imprescindible. Úseo antes de comezar a andar. Terá que ser cómodo e flexible para que poda adaptarse ao pé e cunha sola con goma grosa e lixeira. Se é posible, alterne varios pares de calzado. Ao final do percorrido, convén bañar os pés en auga fría e cambialo por outro.

6.- Protéxase do sol cun sombreiro ou viseira. Use crema de protección solar con protección alta, cun índice mínimo de 25.

7.- Coma alimentos enerxéticos como froitos secos, figos ou chocolate para repoñer forzas.

8.- Beba líquidos con frecuencia e en pequenas cantidades. Non beba auga se non sabe que é potable ou apta para beber. Non consuma alcohol.

9.- No caso de que teña unha ferida, lávela con auga e xabón. Use un antiséptico e cúbraa con gasas. Non pique as bóchegas nin as atravese con fíos. Tampouco as tape con apósitos adhesivos se non está seguro de que están limpas e desinfectadas.

10.- Se padece algunha doenza crónica é alérxico a algún medicamento ou padece algunha outra situación que considera importante, leve consigo un informe do seu médico.

Por último, se vostede se atopa en calquera situación de urxencia ou emerxencia, ou necesita facer unha consulta sanitaria, mentres realiza o Camiño de Santiago na Comunidade galega, lembre que pode marcar o teléfono 061. Desde a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 será atendido por profesionais sanitarios que lle atenderán as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Publicacións Relacionadas