Os nacionalistas lamentan a absoluta falta de interese por parte de Telmo Martín en fomentar o uso deste servizo, a pesares de resultar imprescindible para dar cumprimento coas novas normativas en materia de tratamento de residuos e que conlevan moitos beneficios en chave medioambiental e económica
Desde o Bloque recordan que o composteiro de Baltar abriuse o pasado mes de febreiro, logo de permanecer varios anos pechado, sen ningún tipo de anuncio por parte do Partido Popular, “quizais porque o señor Martín ten medo a promocionar unha iniciativa que foi posta en marcha polo anterior Goberno do tripartito e que se desmarca da súa política de cemento e formigón”
A compostaxe e o tratamento de residuos orgánicos xogan un papel moi importante na sociedade actual, ofrecendo, ademais, varios beneficios desde o punto de vista medio ambiental e económico. Nada disto, por desgraza, fai que o Goberno municipal liderado por Telmo Martín teña o máis mínimo interese en promover a utilización destas ferramentas. Así o denuncia o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo, que insta ao alcalde e á Concellería de Medio Ambiente a que promovan iniciativas e campañas informativas para concienciar e animar á veciñanza á utilización destes recipientes para depositar os restos orgánicos que xeneran nos seus fogares.
Lembran os nacionalistas que as novas normativas europeas no que a tratamento de lixo se refire poñen cada vez máis o foco en cuestións como a compostaxe, unha práctica que permite obter fertilizantes de carácter natural para o coidado de parcelas, terreos e plantas, ao tempo que redunda en menos costes no recibo de Sogama. Pero todo isto é insuficiente para o Goberno do PP de Sanxenxo, tal e como recalca o Bloque. Un bo exemplo desta deixadez quedou patente hai unhas semanas, cando o Concello abriu o composteiro comunitario de Baltar, despois de permanecer dous anos pechado, sen realizar ningún tipo de anuncio. “Foron os propios veciños e veciñas da zona os que se enteraron por casualidade”, advirten os nacionalistas, que xa en varias ocasións denunciaron o estado de abandono destas instalacións, así como as do composteiro comunitario situado nas inmediacións da Florida. “Está moi bien que por fin se dean conta que que estas ferramentas son moi importantes, pero é unha mágoa que se decatasen dous anos tarde e sen ningún interese en facelo público”, sinala o voceiro do BNG, Fran Leiro, que lembra que, precisamente, foi o equipo de Goberno do que formaron parte os nacionalistas o que impulsou a dotación destes composteiros no municipio. “Se cadra o señor Martín teme ter que dar promoción a unha iniciativa que non ten nada que ver coa súa política de cemento e formigón”, ironizou Leiro. Os nacionalistas, en todo caso, non se amosan sorprendidos polo silenzo do señor Martín á hora de poñer en marcha un servizo tan importante como o da compostaxe. “Se hai algo polo que destaca a xestión do Partido Popular de Sanxenxo é pola súa opacidade e pola falta de transparencia e de diálogo coa veciñanza”, indica o grupo da oposición, que se remite ao informe elaborado pola plataforma especializada Dyntra, que a finais de 2024 deixaba a Sanxenxo como un dos concellos menos transparentes de toda a provincia de Pontevedra en canto á dotación de información á cidadanía.
Ademais de propoñer campañas informativas para fomentar a práctica da compostaxe, o grupo municipal do BNG tamén se compromete a permanecer “vixiante” sobre o cumprimento do novo contrato da recollida de residuos sólidos urbanos, cuxa licitación foi definitivamente aprobada no Pleno extraordinario de febreiro. “Estaremos moi pendentes do rural, onde o servizo durante todos estes anos deixou moito que desexar, especialmente na época do verán”, advirten os nacionalistas.