— Premiará producións, canles e profesionais do medio que producen na nosa lingua, ademais de presentar 20 webseries de 12 países na súa sección oficial
— Recibe axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través das subvencións a festivais audiovisuais que este ano achegaron 300.000€ a 10 certames
— A preestrea da serie musical ‘Mariliendre’, dirixida polo galego Javier Ferreiro e producida por Los Javis, é unha das proxeccións máis agardadas
— Andy Chichester, Facu Díaz, Miguel Maldonado, Bob Pop, Ana Polo, Albanta San Román ou Ángela Henche son algúns dos nomes de referencia presentes no evento
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay abre este xoves co apoio da Xunta de Galicia a súa duodécima edición, que se desenvolverá no edificio do mercado e noutros puntos da vila ata o vindeiro domingo 27 convertendo a capital bergantiñá en centro de difusión da creación dixital con 20 webseries procedentes de 12 países na sección oficial a concurso e premios para os mellores contidos, canles e profesionais da creación en galego. Nomes de referencia no panorama estatal e internacional, palestras de interese para o sector nos paneis da Zona Pro e a preestrea da serie musical Mariliendre, con dirección do galego Javier Ferreiro e o selo de Los Javis na produción, suman expectación ao programa deste ano.
Como encontro estratéxico para o sector, o Carballo Interplay vén contando nos últimos con axuda económica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través das subvencións a festivais audiovisuais de carácter profesional que este ano fixeron chegar 300.000 euros a 10 certames. Así o lembrou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, que participou hoxe no Museo de Bergantiños na presentación do programa do certame xunto ás súas directoras, Sonia Méndez e Andrea Villa, e as autoridades municipais.
Na súa intervención, o representante da Xunta felicitou o equipo organizador do festival por “abrir camiños e proporcionar oportunidades a toda unha xeración de creadores e creadoras de contidos dixitais no noso territorio, promovendo ademais as producións en lingua galega”. Tamén fixo referencia ao labor pioneiro deste encontro, que sitúa a Galicia no mapa dun sector que, non só se está a revelar como estratéxico para a industria audiovisual con fenómenos como o éxito dos podcasts, senón que tamén serve para fortalecer e reformular os nosos sinais de identidade e enlazar con novas realidades do escenario cultural. Jacobo Sutil puxo en valor tamén a especialidade do festival e a súa compoñente de modernidade e innovación, así como a súa relevancia para conectar co público mozo.
Doce proxectos en galego
Tres premios daranlle visibilidade en Carballo Interplay a unha ducia de proxectos galegos, escollidos entre o crecente número de propostas recibidas, especialmente da mocidade. A categoría a mellor produción de contido dixital en galego, que recibirá 3.000€ para o seu desenvolvemento, dispútase entre o proxecto multiformato Epidemia invisible, no que Román Varela propón unha inmersión honesta e sensible na realidade da saúde mental en Galicia, e cinco webseries: Escoitasme?, obra de ficción do alumnado de 4º da ESO do instituto IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela; Artistas en reserva, na que Martín Castro segue a un grupo de mozos artistas que tentan abrirse paso; 90 e pico, comedia realizada pola Asociación Xuvenil Mómaro, e Señoras con recursos, unha crítica feminista aos roles de xénero clásicos e xa caducos do sistema laboral, en clave de comedia disparatada, creada por Silvia Lorenzo e Paloma Otero.
Os finalistas na categoría de mellor canle son Rebelico Revista; Descifrando a historia; Galego para peques, e o podcast Um Tee com Nee. Por último, na categoría de mellor creadora compiten tres perfís que usan TikTok como a súa principal rede social para crear contido: Konachadas, Sara Seco cos seus contidos de beleza e lifestyle, e Patri Otero, creadora que denuncia situacións e visibiliza temas silenciados.
Talento de todo o mundo
A Sección Oficial de series a competición do Carballo Interplay seleccionou 20 propostas chegadas de Canadá, Estados Unidos, Irán, Reino Unido, Chile, Portugal, Alemaña, Puerto Rico, Australia, Francia, Austria e España, que participa con catro series das cales tres son galegas. Ademais, o festival acollerá a preestrea en Galicia da serie musical Mariliendre, do director lucense Javier Ferreiro con produción do exitoso dúo Los Javis (Javier Ambrossi e Javier Calvo), e a estrea de Delirio Sketchs, unha ollada cómica á realidade galega asinada pola directora viguesa Bea Saiáns, gañadora do premio a mellor proxecto de serie en 2024.
Nesta edición, participarán referentes como o crítico e director Bob Pop, Albanta San Román e Ángela Henche, do podcast Keep it cutre, o creador de contido en galego en Estados Unido Andy Chichester, e nomes do humor como Facu Díaz, Miguel Maldonado ou Ana Polo. A zona profesional explorará o éxito da comunicación dixital do clube de fútbol Celta de Vigo e o fenómeno do True Crime nos podcast, mentres os eixes dos paneis xirarán arredor da denominada ‘autoexplotación’ das persoas dedicadas ao medio dixital ou da comunicación na diversidade desde o antirracismo.