- O director de Turismo de Galicia participou na IX Gala Showcooking na que saíu elixido o Mellor Cociñeiro de Tapas deste 2025
- Tralo verán, a iniciativa levará á cidade de Porto, as tapas e o bo facer dos chefs das sete cidades galegas
A importancia da gastronomía como elemento tractor para o turismo púxose de relevo na IX Gala Showcooking Mellor Cociñeiro de Tapas Sete Cidades, Sete Sabores, celebrada este martes no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Organizada por Turismo de Galicia, o certame serviu para elixir ao mellor cociñeiro de tapas deste ano na comunidade ao tempo que afianza a oferta gastronómica como elemento dinamizador e desestacionalizador do turismo urbano das sete principais cidades de Galicia.
A gala busca “dar visibilidade á oferta gastronómica da comunidade”, en palabras do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que destacou como os distintos petiscos “sintetizan toda a creatividade dos nosos cociñeiros e cociñeiras” e “proban que Galicia sabe respectar a súa tradición culinaria para amplificala e mellorala, e tamén, cando é necesario, diversificala”.
O director da Axencia puxo en valor a importancia de iniciativas como os concursos de tapas no contexto do turismo urbano. “A busca de novas experiencias culinarias constitúe unha importante motivación para as persoas que visitan a nosa terra”, subliñou, avaliando o carácter desestacionalizador de propostas deste tipo. “A iniciativa sintetiza a cultura gastronómica da comunidade nas súas sete principais localidades para poñer ademais en valor o turismo urbano e os seus recursos culturais, patrimoniais e históricos”.
Merelles incidiu, ademais, no peso do turismo urbano dentro da comunidade ao sinalar que, en 2024, o 46% da demanda hoteleira de Galicia correspondeu a destinos deste tipo. No referente á estacionalidade, lembrou que o turismo urbano ascende ao 60% en tempada baixa, o que “proba a importancia de apostar por produtos turísticos que amplifiquen a experiencia das persoas visitantes, como poden ser estes concursos de tapas”.
A iniciativa, promovida por Turismo de Galicia, terá continuidade despois dos meses de verán, en outubro coa presentación das sete tapas a cargo dos sete chefs na cidade portuguesa de Porto.
Premios
Durante a gala entregáronse dous galardóns. Un xurado técnico composto por cinco profesionais do sector valorou aspectos como a execución, a creatividade ou a presentación para o seu recoñecemento. Ademais, outorgouse un premio do xurado popular, elixido entre as persoas asistentes durante a gala.
Os participantes foron: Alejandro Ferreiro, de O Sendeiro (Santiago de Compostela) con ‘Bonito, millo e lagostino’; Vicenzo Amaddeo, de AMA Italiana Contemporánea (A Coruña), con ‘Ravioli recheo de chourizo ceboleiro’; Álex Martínez e Mar Lago, de BaceLo (Ferrol), con ‘Os Polos Opostos’; Daniel Bastos, de La Marciana (Vigo), con ‘Ondas do mar’; Rubén González, de El Cafetín de la Alameda (Pontevedra), con ‘Tomatún’; Paco Gómez, de Pulpería Asador A Feira (Ourense), con ‘Gamba na corte’; e José Luis Pardo, de Orixe do Campo (Lugo), con ‘Petisco larpeiro’.