_Este ano, por vez primeira, incorpóranse dúas rapazas de 2º da ESO -Xulia Otero e Maia Freire- polos seus excelentes resultados en bádminton. Ademais, o centro contará con dúas deportistas con discapacidade: Nagore Otero en tríatlon e Rocío Fraguela en remo
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 12 de agosto de 2025 pola que se publica a concesión das prazas para os grupos de tecnificación e de rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Como en anos anteriores, o CGTD ofertou 160 prazas para tecnificación (cursos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato) e rendemento. Na resolución publicada no DOG foron concedidas 154 prazas e agora, veñen de sumarse outras once, acadando 165 deportistas, o número máis alto da historia e que, ademais, poderá incrementarse ao longo da tempada.
Máis polo miúdo, estas 165 prazas distribúense en 105 de tecnificación -90 residentes e 15 externos- e 60 en rendemento -12 residentes e 48 externos-. Unha tempada máis a paridade é practicamente absoluta: 83 mulleres por 82 homes.
As 165 prazas quedan repartidas da seguinte maneira segundo as 13 especialidades deportivas coas que contará o CGTD nesta tempada: atletismo lanzamentos -sete prazas (cinco de tecnificación e dúas de rendemento)-, bádminton -trece prazas (once de tecnificación e dúas de rendemento)-, judo -doce prazas (nove de tecnificación e tres de rendemento)-, loita -quince prazas (oito de tecnificación e sete de rendemento)-, natación pura e augas abertas -doce prazas (oito de tecnificación e catro de rendemento)-, natación artística -oito prazas de tecnificación-, piragüismo slálom -catro prazas de tecnificación-, piragüismo augas tranquilas -48 prazas (20 de tecnificación e 25 de rendemento-, remo -seis prazas de tecnificación-, taekwondo -18 prazas (dez de tecnificación e oito de rendemento)-, tríatlon -trece prazas (nove de tenificación e catro de rendemento)-, vela -cinco prazas de tecnificación- e ximnasia -catro prazas (dúas de tecnificación e dúas de rendemento)-.
Cómpre salientar que este ano, por vez primeira, incorpóranse dúas rapazas de 2º da ESO -Xulia Otero e Maia Freire- polos seus excelentes resultados en bádminton. Ademais, o centro contará con dúas deportistas con discapacidade: Nagore Otero en tríatlon e Rocío Fraguela en remo.
CGTD
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (único en Galicia) naceu no ano 1987-88 co obxectivo de converterse na instalación de referencia a nivel deportivo na nosa comunidade, en busca da excelencia competitiva, unha excelencia que contempla, por suposto tamén, a formación académica dos deportistas coa finalidade de conseguir a súa formación integral. No 2007 e 2010 incorpóranse respectivamente á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, ampliando así a oferta de seccións deportivas que a día de hoxe conta cunha moi ampla variedade.