HomePontevedraPoioO CIFP Cantería de Galicia cuadriplica a súa matrícula desde a súa...

O CIFP Cantería de Galicia cuadriplica a súa matrícula desde a súa incorporación á rede da Xunta como Centro de FP

- Anuncio -spot_img

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, gaba a súa aposta por fomentar a innovación aplicada ao traballo da pedra

O CIFP Cantería de Galicia, en Poio, cuadriplica a súa matrícula desde a súa incorporación á rede pública de Xunta en 2023 cando, como centro integrado de FP, as ensinanzas que imparte pasaron a estar recoñecidas como formación oficial, o que permite acreditar profesionalmente a experiencia do alumnado e obter titulacións recoñecidas.

Neste período a matrícula elevouse un 77% ao pasar das 15 persoas no curso 2023-24 ás 65 matriculadas no actual curso 2025-26, tal e como puxo de manifesto a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, durante a súa intervención nas xornadas técnicas de cantería, construción e edificación organizadas polo centro, coincidindo coa celebración da súa patroa, Santa Lucía.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou a aposta decidida do CIFP Cantería de Galicia pola innovación aplicada ao traballo da pedra. Neste sentido, salientou o ciclo formativo de grao medio que conduce a unha dobre titulación en técnico medio en Pedra Natural e técnico de Artes Plásticas e Deseño en Reproducións Artísticas en Pedra, así como as ensinanzas da familia de Edificación e Obra Civil, que inclúen o ciclo básico de Reforma e Mantemento de Edificios, o ciclo medio de Construción e o ciclo superior de Proxectos de Edificación.

‘Estruturas de pedra: pasado, presente e futuro’

As xornadas técnicas deste ano levan por título Estruturas de pedra: pasado, presente e futuro e buscan integrar tradición e innovación nun mesmo espazo de reflexión e aprendizaxe. As actividades inclúen demostracións técnicas e un concurso de modelado no que o alumnado expón as súas creacións, poñendo en valor o talento e a especialización que caracteriza ao centro.

Ao longo da mañá celebrouse unha mesa redonda na que participaron Xurxo Constela Doce, do Servizo de Arqueoloxía da Xunta, o profesor da Universidade da Coruña Santiago Muñiz Gómez e o xerente da empresa Godoy Maceira SL, Fernando Godoy Maceira. As súas intervencións permitiron analizar a evolución do granito como elemento estrutural desde a arquitectura tradicional ata o seu papel actual na edificación e a súa proxección futura na industria.

Ademais, o centro desenvolverá a próxima semana diversas formacións prácticas relacionadas coa restauración, novas técnicas construtivas e aplicacións innovadoras da pedra na edificación contemporánea. Con iniciativas como esta, o CIFP de Cantería de Galicia consolida unha proposta formativa que combina patrimonio, técnica e innovación.

Publicacións Relacionadas