HomeXunta de GaliciaO Consello Galego de Universidades avanza os trámites para elaborar a oferta...

O Consello Galego de Universidades avanza os trámites para elaborar a oferta de graos e mestrados de cara o vindeiro curso 2026/27

- Anuncio -spot_img

— Román Rodríguez preside a xuntanza, na que se informou de 103 expedientes de verificación e modificación de titulacións que contan con informe inicial de viabilidade

— A oferta final coñecerase antes do verán, logo da verificación definitiva por parte do Consejo de Universidades a nivel estatal e da autorización de impartición da Xunta

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu esta mañá o Consello Galego de Universidades onde se informou dun total de 103 expedientes –13 verificacións e 90 modificacións– de graos, mestrados e programas de doutoramento que nestes momentos teñen en tramitación as universidades galegas, coa previsión de que poidan ofertarse no vindeiro curso 2026/27.

Tras acadar o informe inicial de viabilidade académica e social por parte da Consellería, todas estas propostas deben completar agora as distintas fases preceptivas que inclúen a gravación das correspondentes memorias na plataforma estatal de títulos e a obtención do informe favorable por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Educativo Galego (ASUG). O proceso culminará coa resolución de verificación por parte do Consejo de Universidades a nivel estatal que, habitualmente antes do verán, pecha a oferta para o conxunto do sistema universitario de España. Finalmente, logo de obter a verificación definitiva favorable en Madrid, no caso das titulacións galegas, a Xunta deberá emitir a preceptiva autorización de impartición.

Neste sentido, na reunión do Consello Galego de Universidades, na que o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, os representantes da Consellería aproveitaron para indicar que as universidades, nestes momentos, teñen nove titulacións aínda sen rexistrar na plataforma, polo que se lles lembrou que o incumprimento das datas de incorporación dos expedientes pode supoñer un adiamento da tramitación do procedemento de verificación ou modificación, o que repercutirá na oferta de prazas para o vindeiro curso.

Universidade de Santiago de Compostela
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) conta con 38 expedientes en tramitación, dos cales cinco son verificacións e 33 modificación de títulos. Así pois, nesta fase inicial contan informe preceptivo de viabilidade académica e social os mestrados universitarios en Planificación Territorial e Urbana (que substituirá ao mestrado universitario en Planificación e Xestión Territorial), en Psicoloxía do Traballo, as Organizacións e os Recursos Humanos (que substitúe o mestrado universitario Psicoloxía do Traballo e as Organizacións e Psicoloxía Xurídica-Forense), en Química Teórica e Modelización Computacional, conxunto coa Universidade de Vigo e outras 15 de fóra de Galicia (que substituirá ao mestrado xa existente coa mesma denominación), en Traballlo Social no Ámbito Sanitario, conxunto coa UVigo e outras cinco universidades de fóra, o Programa de Doutoramento Agricultura e Medio Ambiente para o Desenvolvemento (que substituirá ao doutoramento coa mesma denominación), pasando a ser un programa conxunto coa Universidade Juan Carlos de Guatemala.

Así mesmo, revóganse os mestrados en Atención Sanitaria, xestión e Coidados (que é substituído por outro título coa mesma denominación autorizado para o curso 2025-26), en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte (debido a que se substitúe polo mestrado universitario en Xestión da Arte e o Patrimonio Cultural) e o Programa de Doutoramento en Estudos Culturais: Memoria, Idade, Territorio e Linguaxe. Neste caso deixa de ser compartido coa Universidade de Rennes II e é substituído por outro coa mesma denominación que unicamente impartirá a USC.

Universidade de Vigo
A Universidade de Vigo (UVigo) ten en tramitación 33 solicitudes, tres delas de verificación e 30 modificación de títulos. En canto ás propostas de titulacións novas, obtiveron informe preceptivo previo o Grao en Economía (que substituirá o grao actual coa mesma denominación), Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías Navais para a Defensa, que se impartirá no Centro Universitario para a Defensa en Marín, e o Mestrado Universitario en Vehículos Autónomos, conxunto coa Universidade da Coruña.

Universidade da Coruña
A Universidade da Coruña (UDC) ten en tramitación un total de 29 solicitudes, das que dúas son de verificación de novas propostas e 27 de modificación. Neste caso, contan con informe favorable de viabilidade académica e social emitido pola Secretaría Xeral de Universidade as propostas de Grao en Enxeñaría Civil (froito da fusión dos actuais graos en Enxeñaría de Obras Públicas e o Grao en tecnoloxía da Enxeñaría Civil) e o Programa de Doutoramento en enerxía, Dixitalización, transporte e Sustentabilidade, conxunto coa Universidade de Salamanca.

Universidade Intercontinental de la Empresa
A Universidade Intercontinental de la Empresa (UIE) conta con tres expedientes de verificación en tramite correspondentes coas titulacións oficiais de Grao en Enfermaría, e os mestrados universitarios en Ciberseguridade e en Psicoloxía Xeral Sanitaria.

Publicacións Relacionadas