HomeXunta de GaliciaO espectáculo do Centro Dramático Galego Manuela Rey Is In Da House regresa...

O espectáculo do Centro Dramático Galego Manuela Rey Is In Da House regresa a Galicia para unha xira por oito escenarios

- Anuncio -spot_img

— O percorrido galego desta coprodución coas principais estruturas de teatro público de Portugal arranca o día 30 en Ribeira e, tras se representar no Pazo da Cultura pontevedrés, poderá verse en Vigo, A Coruña, Lugo, Vimianzo, Monforte e Ourense

— A conexión galego-portuguesa da proposta reflíctese tanto na composición do equipo como na propia temática, inspirada na esquecida figura da actriz mindoniense que chegou a ser a estrela do teatro lisboeta na segunda metade do século XIX

O Centro Dramático Galego inicia a semana que vén a xira por Galicia do espectáculo Manuela Rey Is In Da House, que poderá verse ata mediados de maio en oito escenarios das catro provincias. As dúas primeiras paradas do percorrido serán a do mércores 30 en Ribeira e o xoves 1 en Pontevedra, onde hoxe se presentou esta coprodución galego-portuguesa que recupera a esquecida figura da actriz mindoniense que chegou a ser a estrela do teatro lisboeta na segunda metade do século XIX.
Fran Núñez, director da unidade teatral da Xunta de Galicia, quen asina tamén a dirección escénica e a dramaturxia da peza, participou nesta rolda de prensa xunto con representantes de outras administracións e parte do elenco. Neste senso, explicou que a montaxe foi creada conxuntamente co Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana do Castelo, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto, afondando así na estreita relación que o Centro Dramático Galego mantén coas principais estruturas da escena lusa no marco do seu traballo a prol da internacionalización do noso teatro e dos seus profesionais.
En Manuela Rey Is In Da House, esta conexión galego-portuguesa esténdese tanto á composición dos equipos artístico e técnico como á propia temática, inspirada na historia da actriz Manuela Rey, nacida en Mondoñedo en 1842 e falecida en Lisboa en 1866, aos 23 anos de idade.
Novo calendario de representacións
Despois da súa estrea a finais de 2023 no Festival de Teatro Viana do Castelo, para se presentar en 2024 en Santiago de Compostela, así como noutros certames portugueses, esta primavera Manuela Rey Is In Da House regresa a Galicia para unha xira co seguinte calendario: 30 de abril ás 21,15 h. no Auditorio Municipal de Ribeira, 1 de maio ás 21,00 h. no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, 2 de maio ás 20,00 h. no Auditorio Municipal de Vigo, 3 de maio ás 20,30 h. no Teatro Rosalía Castro da Coruña, 8 de maio ás 20,30 h. no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, 10 de maio ás 20,30 h. no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, 15 de maio ás 20,15 h. no Auditorio do Edificio Multiúsos de Monforte de Lemos e 16 de maio ás 20,00 h. no Teatro Principal de Ourense.
Ao igual que sucedera na vida da propia Manuela Rey, o espectáculo emprega en escena as linguas e os talentos artísticos e técnicos tanto de Galicia como de Portugal. Pola banda galega, Merce Castro, Raquel Crespo e Xosé Lois Romero, quen asina tamén a música, integran o elenco xunto aos intérpretes portugueses Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá e Teresa Vieira. Acompáñaos en escena a arqueóloga do Incipit-CSIC Paula Ballesteros, responsable á súa vez da investigación histórica. Pedro Azevedo deseñou o vestiario e a escenografía, realizada polos técnicos do Centro Dramático Galego, mentres que Nuno Meira se encargou da iluminación. O equipo complétase coas achegas de Neto Portela e Guilherme de Sousa nos apoios á creación e ao movemento, respectivamente.
A misteriosa muller lirio
A partir de textos de Almeida Garret, Eduardo Augusto Vidal, Ernesto Marecos, Manuela Rey, Paula Ballesteros, Sousa Bastos, Xaquín Núñez Sabarís e do propio elenco, o espectáculo tenta reconstruír a memoria arredor da actriz e escritora alcumada “a muller lirio”.
Rodeada de misterio, a historia da súa vida chega á actualidade a partir de fragmentos soltos e contraditorios. Unha das teorías arredor dela sostén que con seis anos foi entregada pola súa familia a unha compañía teatral itinerante coa que percorreu León, Palencia e numerosas localidades portuguesas antes de chegar a Lisboa, onde triunfou no Teatro Nacional D. María II. Ademais de brillar en escena, existen referencias de que escribiu tamén algunhas obras como a comedia A actriz ou proverbio Por este deixarás pae e mãe.

Publicacións Relacionadas