- O director de Turismo de Galicia participou na presentación desta iniciativa coa que se fomenta unha actividade diversificada polo territorio e un destino auténtico
- Celebrarase o domingo con actividades en vivo de metalurxia e agricultura na Idade de Bronce e un xantar rupestre no Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación do Festival de Arte Rupestre de Campo Lameiro “Laeros” organizado polo Concello de Campo Lameiro en colaboración co Parque Arqueolóxico do Arte Rupestre (PAAR) coa intención de fomentar unha actividade turística diversificada polo territorio e un destino diferenciado e auténtico.
Como explicou durante o acto, na súa cuarta edición, esta cita organízase arredor do tradicional xantar rupestre, preparado pola Asociación Costillar A Estaca de San Clemente, onde se poderá degustar un asado de costelar en grupos de 10 ou 20 persoas. O programa complétase con obradoiros e mostras en vivo de fundición e metalurxia, agricultura e cociña na Idade de Bronce, así como actividades de recreación da vida cotiá, percorridos polo Parque, actuacións musicais e un concurso no que as persoas participantes deberán retratar unha escena da época.
O director de Turismo de Galicia destacou a relevancia de iniciativas como Laeros para poñer en valor o potencial turístico do patrimonio arqueolóxico de Galicia, que, como indicou “ten no Parque de Campo Lameiro un dos principais expoñentes da arte rupestre da comunidade”. Xosé Merelles afondou no apoio que se fai desde Turismo de Galicia a aquelas actividades que redundan nunha oferta turística auténtica, na busca de experiencias únicas que aproveiten o patrimonio singular de Galicia, como o que se celebrará esta fin de semana no Parque.
Un destino cada vez máis internacional
Indicou, neste sentido, que iniciativas como esta contribuirán a seguir fortalecendo a provincia de Pontevedra como destino cada vez máis escollido polos visitantes a Galicia. Referiuse, en concreto, ao importante incremento no número de visitantes a esta provincia durante o primeiro semestre do ano, con máis de 700.000 persoas, o que supón un incremento do 4,1%. “O crecemento no número de turistas viu marcado polo auxe de visitantes internacionais, que se incrementaron nun 14,7% entre xaneiro e xuño, ata as preto de 270.000 persoas”, engadiu o director de Turismo de Galicia.