O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinou esta mañá o contrato de adxudicación da obra de creación do ‘Gastrohub’, con Santiago Ferreiro, responsable de Construcciones Orega, empresa adxudicataria da mesma, na que a Xunta investirá máis de 1,2M€. O proxecto ‘Gastrohub’ estará situado no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) que “sumará un novo espazo de formación dirixido ao sector da restauración onde se levarán a cabo demostracións e investigación gastronómica”, tal e como explicou Xosé Merelles.
O proxecto persegue reforzar o papel formativo do CSHG dirixido ao sector profesional cun novo centro nas súas instalacións que se prevé que comece a funcionar a finais de 2025.
A empresa adxudicataria disporá dun prazo de 7 meses para acometer as obras, aínda que as actuacións comezarán de xeito inmediato e implicará a reconversión do ximnasio do centro nun espazo multiusos para o seu aproveitamento en investigación, cociña e innovación e tamén como centro socio cultural para presentacións e outro tipo de eventos.
As instalacións remodeladas acollerán un salón de actos cunha capacidade para 125 persoas, que poderá converterse nun escenario con mesas para dar resposta a outras funcionalidades. Contará cunha grada telescópica retráctil que unha vez retirada, recollerase nun moble na parte traseira do espazo. Este espazo poderá aproveitarse para cociña de innovación realizando demostracións gastronómicas e tamén para a celebración de eventos formativos e de investigación.
Ademais, instalarase un ascensor e na parte superior situaranse os aseos e un almacén de mobiliario. Ao mesmo tempo, realizaranse traballos de eficiencia enerxética no edificio para conseguir un aforro enerxético maior ao 30% e de illamento térmico e procederase á substitución de carpintería e luminarias, dotando o edificio dun sistema de climatización.
Enogastronomía de Galicia
O proxecto ‘Gastrohub’ é unha das accións previstas no Plan Territorial de Sostibilidade Turística Enogastronomía de Galicia. Este é o segundo plan territorial deseñado pola Xunta de Galicia con fondos Next Generation e conta cun investimento global de máis de 34M€.
Inclúe a posta en marcha de medidas destinadas ao sector de todo o territorio como axudas ao embelecemento e adecuación dos establecementos de produción enolóxica e alimentaria ou a potenciación da mobilidade sustentable, entre outras. Tamén inclúe a posta en marcha de 13 Plans de Sostibilidade Turística en Destino dos que se benefician un total de 80 concellos galegos. Enmárcase nos obxectivos e accións da Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030, que está nas súas últimas fases para a súa presentación.
Co novo ‘Gastrohub’, o CSHG reforza así o seu papel como referente na formación da hostalería en Galicia e en España e supón unha excelente noticia no marco do 30 aniversario que vén celebrando este curso e que afianza a longa traxectoria como entidade docente de calidade e prestixio.