HomeXunta de GaliciaO Mes do Camiño en Brasil concentra este xuño unha intensa actividade...

O Mes do Camiño en Brasil concentra este xuño unha intensa actividade con exposicións, conferencias e cinema sobre a peregrinación a Compostela

- Anuncio -spot_img
  • Xosé Merelles viaxa a Porto Alegre para participar en varias actividades conmemorativas e intensificar as relacións coas entidades xacobeas do país
  • En 2024 fixeron o Camiño 7.365 persoas procedentes de Brasil, sendo este o primeiro país de América do Sur que achega o maior número de peregrinos

A Xunta de Galicia avanza na súa misión de proxectar a difundir as rutas xacobeas no mercado internacional coa celebración do Mes do Camiño de Santiago en Brasil, concretamente en Porto Alegre, capital do estado brasileiro de Rio Grande do Sul. O pasado 2024, Brasil foi o país de orixe de 7.365 persoas que viviron a experiencia xacobea, sendo o primeiro país de América do Sur que achegou o maior número de peregrinos. No que vai de 2025, 3.222 persoas fixeron xa o Camiño.

A esta cidade chegará este xoves o director de Turismo de Galicia co obxectivo de participar en varias actividades e reunirse con diversas organizacións relacionadas coa cultura xacobea que están a difundir este fenómeno naquel país. En concreto, está previsto que Xosé Merelles visite este mesmo xoves a exposición ‘Iacobus Gaudet. Os Camiños de Santiago en Galicia’, composta por vídeos e fotografías de Manuel Valcárcel.

Posteriormente, o director realizará unha visita ao Centro Español de Porto Alegre, espazo que tamén foi casa de galegos na localidade. Rematará a xornada cunha reunión cos responsables da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Río Grande do Sul (ACASARGS), na que avanzará na colaboración de accións e medidas que permitan traballar conxuntamente na promoción do Camiño de Santiago a nivel internacional. Durante as seguintes xornadas manterá unha activa axenda de encontros e visitas para avanzar neste obxectivo.

Mes do Camiño de Santiago

A exposición ‘Iacobus gaudet’ constitúe o eixo central dos eventos que compoñen o Mes do Camiño de Santiago en Porto Alegre. Elaborada en colaboración coa Fundación Catedral de Santiago, permitirá ao público coñecer a experiencia única que supón a peregrinación a través das distintas rutas xacobeas mediante as imaxes de Valcárcel. Previamente, a mostra visitou as localidades de Cidade de México, Buenos Aires e São Paulo. Poderase visitar do 4 ao 27 de xuño no Museu de Arte do Paço da localidade.

O programa de actividades do Mes do Camiño en Porto Alegre inclúe tamén unha serie de xornadas de charlas con expertos sobre o Camiño e a peregrinación, que se desenvolverán entre o 12 e o 18 de xuño no mesmo Museu. Nelas participarán especialistas na cultura xacobea, como o xornalista Hélio Araújo; o historiador e ex presidente da Associação de Confrades e Amigos do Caminho de Santiago-ACACS São Paulo, Jorge Cáceres; a doutora da Pontifícia Universidade Católica de Goiás, Renata Cristina de Sousa Nascimento, pertencente ao Comité Internacional de Expertos do Camiño; e a presidenta e o vicepresidente de ACASARGS, Adriana Reis e Fernando Eisenberg Bugallo.

Paralelamente aos relatorios, na cinemateca Capitólio da localidade brasileira desenvolverase un ciclo de Cinema Xacobea, a través do que se poderán visionar diversas obras audiovisuais relacionadas co Camiño. Entre elas atópanse obras como ‘A Vía Láctea’, do célebre director Luis Buñuel ou ‘The Way’, do director estadounidense de orixe galego Emilio Estévez.

O Mes do Camiño de Santiago en Porto Alegre está organizado pola Xunta de Galicia en  colaboración coa Prefeitura da localidade, a través da Coordenação de Artes Visuais CAV e da Coordenação de Cinema e Audiovisual, pertencentes á Secretaria Municipal de Cultura e Economia Criativa, así como da Oficina Española de Turismo en São Paulo e da ACASARGS.

Brasil e o Camiño

A experiencia xacobea conta cunha importante tradición en Brasil, país no que teñen a súa sede 19 asociacións de Amigos do Camiño de Santiago. Ademais, desde o 19 de outubro de 2019, o país ten instalada unha mouteira na localidade de Río de Janeiro, no paseo marítimo da praia do Arpoador, que marca a distancia de 8.138 quilómetros en liña recta coa capital galega. Constitúe o primeiro elemento deste tipo colocado nunha cidade de América do sur.

Publicacións Relacionadas