— A través do programa ‘Descubrindo o Parque Nacional’, a Xunta ofrece seis rutas de temática histórica e ambiental durante os meses de febreiro, marzo e abril
— Os interesados poden presentar xa as súas solicitudes de forma telemática na páxina web do parque ou fisicamente nas oficinas do Centro de Visitantes en Vigo
— A actividade será de balde e impartirana os propios guías do parque nacional de forma que os visitantes só terán que asumir o custo do seu desprazamento ás illas
O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrecerá entre os meses de febreiro e abril un total de 107 prazas para participar en rutas guiadas polos catro arquipélagos co fin de dar a coñecer os seus principais valores e singularidades nunha época do ano distinta do verán e na que, ademais, moitos procesos naturais se poñen en marcha nas illas. As visitas serán de balde e enmárcanse no programa Descubrindo o Parque Nacional.
Desde a posta en marcha desta iniciativa por parte da Xunta, en febreiro do ano 2014, xa participaron nela máis de 1.500 persoas e cada ano por estas datas detéctase un interese cada vez maior. Deste xeito, búscase promover a desestacionalización das visitas ás Illas Atlánticas e, ademais, ofrécese a opción de achegarse aos arquipélagos dun xeito ordenado, sostible e da man do equipo de guías do Parque Nacional.
Concretamente, este ano organizaranse seis visitas guiadas entre febreiro e comezos de abril. As rutas faranse con grupos reducidos co fin de poder ofrecer unha experiencia de calidade e para dar a oportunidade de participar ao máximo número posible de persoas, os interesados só se poderán apuntar a unha delas. Así mesmo, habilitarase tamén unha listaxe de agarda coa que cubrir posibles baixas.
Xa está aberto o prazo de inscrición e as persoas que queiran participar nalgunha das rutas ofertadas poderán anotarse ata catro días antes da data da visita nas oficinas do Centro de Visitantes do Parque Nacional en Vigo ou na propia web de reservas.
A temática das rutas é moi diversa; dende o carácter histórico e botánico da illa de Cortegada con O segredo dun bosque no mar, pasando polas rochas de Sálvora coas súas Esculturas e lendas e os lugares pouco coñecidos de Ons coa ruta A Illa e o mar ata chegar á historia das Cíes a través dunha Viaxe no tempo. En todos os casos, son itinerarios recomendados para maiores de 12 anos.
A continuación detállanse o calendario previsto, os portos de saída e o número de prazas das seis rutas que se ofertan en total nas catro illas:
Illa | Data | Ruta | Porto | Prazas |
Ons | 15 marzo | A Illa e o mar | Bueu | 20 |
Cíes | 13 febreiro | Unha viaxe no tempo | Vigo | 20 |
Sálvora | 9 marzo | Unha illa de esculturas e lendas | O Grove | 20 |
23 marzo | Unha illa de esculturas e lendas | O Grove | 20 | |
Cortegada | 22 febreiro | O segredo dun bosque no mar | Carril | 15 |
4 de abril | O segredo dun bosque no mar | Vilagarcía | 12 |
Condicións e pasos para participar
Cada persoa poderá participar só nunha das rutas ofrecidas nos vindeiros meses. A actividade guiada na Illa é de balde, pero cada persoa ten que asumir os gastos de transporte no barco contratado. O importe aboarase á navieira correspondente con anticipación, unha vez o parque lle envíe un correo electrónico cos datos de pago.
A dirección do Parque Nacional reservarase tamén o dereito de cancelar a actividade ou modificar os seus horarios en función do número de inscricións, das condicións meteorolóxicas ou doutras causas de forza maior, avisando en calquera caso con antelación a todas as persoas confirmadas.
No caso de non conseguir praza para participar na ruta desexada, a persoa interesada pode apuntarse na lista de agarda, por se houbera posibles desestimentos.