HomeXunta de GaliciaO Parque Nacional das Illas Atlánticas oferta 140 prazas para realizar visitas...

O Parque Nacional das Illas Atlánticas oferta 140 prazas para realizar visitas guiadas nos catro arquipélagos esta primavera

- Anuncio -spot_img

— A través do programa Descubrindo o Parque Nacional, a Xunta ofrece un total de oito rutas de temática histórica e ambiental durante os meses de marzo e abril

— Os interesados poderán presentar as súas solicitudes de forma telemática na páxina web do parque ou fisicamente nas oficinas do Centro de Visitantes en Vigo

— A actividade será de balde e a impartirán guías especializados neste espazo natural de forma que os visitantes só terán que asumir o custo do seu desprazamento á illa

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrecerá esta primavera un total de 140 prazas para participar en rutas guiadas polos catro arquipélagos co fin de dar a coñecer entre os visitantes os seus principais valores e singularidades nunha época do ano distinta ao verán e na que, ademais, moitos procesos naturais se poñen en marcha nas illas. As visitas serán de balde e enmárcanse no programa Descubrindo o Parque Nacional.
Desde a posta en marcha desta iniciativa por parte da Xunta, en febreiro do ano 2014, xa participaron nela máis de 1.500 persoas e cada primavera detéctase un interese e demanda maiores. Deste xeito, búscase promover a desestacionalización das visitas ás Illas Atlánticas e ademais ofrécese a posibilidade de achegarse aos arquipélagos dun xeito ordenado, sostible e da man de guías especializados no Parque Nacional.
Concretamente, este ano organizaranse oito visitas guiadas entre marzo e abril. As rutas faranse con grupos reducidos co fin de poder ofrecer unha experiencia de calidade e para dar a oportunidade de participar ao máximo número posible de persoas, os interesados só se poderán apuntar a unha delas. Así mesmo, habilitarase tamén unha listaxe de agarda coa que cubrir posibles baixas.
Desde hoxe xa está aberto o prazo de inscrición e as persoas que queiran participar nalgunha das rutas ofertadas poderán anotarse ata catro días antes da data da visita nas oficinas do Centro de Visitantes do Parque Nacional en Vigo ou na súa páxina web.
A temática das rutas é moi diversa; dende o carácter histórico e botánico da illa de Cortegada con O segredo dun bosque no medio do mar, pasando polas rochas de Sálvora coas súas Esculturas e lendas e pola toponimia de Ons coa ruta Unha illa de nomes, ata chegar á historia de Cíes a través da visita proposta baixo o título Viaxe no tempo. En todos os casos, son itinerarios recomendados para maiores de 12 anos.
A continuación detállanse o calendario previsto, os portos de saída e o número de prazas das oito rutas que se ofertan en total nas catro illas:

Publicacións Relacionadas