- Diana Teixeira, natural de Felgueiras, gañou esta edición 2025 co relato ‘Voltar e Não Ser. Memórias de uma raia interior’
- O Premio Nortear é unha iniciativa conxunta da AECT Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte
- A distinción inclúe unha contía económica de 3.000 euros e a publicación da obra en portugués e galego
Diana Teixeira, natural de Felgueiras e de 31 anos, é a gañadora da edición 2025 do Premio Literario Nortear de relato curto para escritores novos. A autora conquistou o xurado co relato Voltar e Não Ser. Memórias de uma raia interior.
O xurado da edición 2025 estivo presidido por Nuno Almeida, do equipo directivo da AECT Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, e contou coa participación de María López Sandez, escritora e académica de número da Real Academia Galega; João Ribeiro da Silva, Xefe de división de programación e promoción cultural da CCDR-Norte; Ramón Nicolás, profesor de ensino superior e crítico literario; e Carlos Lopes, editor. André Rodrigues, igualmente da AECT Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, exerceu funcións de secretario.
Para o xurado, Voltar e Não Ser. Memórias de uma raia interior destacou pola súa calidade literaria excepcional. O texto poético e introspectivo combina autenticidade e profundidade, explorando temas como identidade, pertenza e fronteira. Estruturada en seis capítulos e un epílogo, a narrativa entrelaza autobiografía, reflexión cultural e crítica social, equilibrando lirismo e rigor narrativo. O xurado destacou tamén o dominio da linguaxe, a riqueza metafórica e o uso natural do portugués e do galego, salientando pasaxes memorables que fan a obra universal e inesquecible.
Con 11 edicións ás súas costas, Nortear recibiu 551 obras de escritores novos entre 16 e 36 anos de ambos os territorios, consolidándose como un espazo cultural único e compartido na Eurorrexión. O galardón, que está cofinanciado pola Unión Europea a través do INTERREG España-Portugal VI A (POCTEP), é un exemplo de cooperación transfronteiriza en materia cultural en Europa. Nesta edición participaron 75 escritores novos da AECT Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. O premio, que combina incentivo económico e publicación bilingüe, reforza o papel do Nortear como referente da creación literaria transfronteiriza.