HomeXunta de GaliciaO Programa Estadístico da Xunta para este ano inclúe 165 estatísticas sobre...

O Programa Estadístico da Xunta para este ano inclúe 165 estatísticas sobre territorio, poboación, sociedade e tecnoloxía

- Anuncio -spot_img

— Recolle novas liñas estratéxicas orientadas a avanzar na análise medioambiental, das políticas públicas e a información empresarial

— Incluirá novas estatísticas sobre o gasto das familias, a innovación ou a ciberseguridade no eido empresarial

— Este é o derradeiro programa do Plan Galego de Estatística 2022-2026, que consolida e amplía os logros dos anteriores e aposta pola calidade

O Programa Estatístico de Galicia para este ano constará de 165 estatísticas sobre territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva ou tecnoloxía co obxectivo de ampliar a oferta informativa achegada polos sistemas estatísticos español e europeo. A estas recompilacións de datos súmanse outras 60 actuacións que levará a cabo o Instituto Galego de Estatística (IGE) para afondar na análise e difusión da información dispoñible sobre a comunidade.

O Programa, que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG), recolle novas liñas estratéxicas orientadas a avanzar na análise medioambiental, reforzar o apoio estatístico na deseño das políticas públicas e a mellorar a información empresarial no territorio.

No eido medioambiental están previstas novas actuacións destinadas ao estudo das contas ambientais e do desperdicio alimentario que se produce en Galicia.

A procura de indicadores para plans e estratexias, actualizar os modelos de previsión económica e o emprego das técnicas de avaliación de impactos son actuacións recollidas no Programa para potenciar o papel da estatística no deseño de políticas públicas.

Ademais, o IGE seguirá afondando no aproveitamento da información administrativa para abaratar custos e reducir carga de resposta e neste ano analizará como explotala para aproximar activos, parados e ocupados. Nesta liña, tamén se traballará na integración e organización da información sobre as empresas e os establecementos con actividade en Galicia, así como na mellora da difusión dos datos empresariais.
Entre as novidades tamén estarán novas estatísticas vencelladas ao gasto das familias, á innovación e á ciberseguidade nas empresas galegas. Así mesmo, inclúese como actividade estatística a elaboración de indicadores da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible en Galicia.

Actualizar as proxeccións de fogares e de poboación e ampliar a información recollida sobre características das vivendas e mobilidade, son outras tarefas programadas neste novo exercicio.

Ademais, o uso da intelixencia artificial na elaboración da estatística oficial para un uso máis analítico e predictivo das fontes básicas de información estatística do IGE tamén figura entre as actuacións que aparecen no programa estatístico.

Quinto programa do Plan Galego de Estatística 2022-2026
Este será o derradeiro programa do Plan Galego de Estatística 2022-2026, marco legal que consolidará e ampliará os logros dos anteriores. Ademais, coloca a Galicia entre as comunidades autónomas dotadas dun sistema estatístico acorde cos principios internacionais de boas prácticas.

O plan asume expresamente o código de conduta do Comité do Sistema Estatístico Europeo, que contempla os principios de independencia profesional do persoal estatístico, imparcialidade, obxectividade e transparencia, entre outros. Por tanto, a organización estatística de Galicia queda sometida a estes valores e o Goberno galego comprométese a respectalos e impulsalos.

Ao ser o quinto e último programa deste Plan, durante este ano deberá ser elaborado o anteproxecto de Lei dun novo Plan Galego de Estatística para o período 2027-2031.

Publicacións Relacionadas