― As entidades poderán presentar as súas candidaturas ata o 23 de decembro nas tres modalidades que, por primeira vez, se abren por primeira vez ao mesmo tempo
― Cunha dotación financeira de 216.000 euros conta co apoio da Unión Europea a través da cofinanciación do Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027
― A iniciativa promove a cooperación transfronteiriza na investigación, innovación e transferencia de coñecemento na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
A Xunta vén de abrir o período de inscrición ás novas convocatorias do Programa IACOBUS 2024-2025, nas que poden participar candidatos das 39 entidades participantes. En concreto, sete universidades; catro institutos politécnicos, seis fundacións e institutos de investigación de saúde e 22 centros tecnolóxicos. As convocatorias son para as tres modalidades IACOBUS -Estadías de Investigación, IACOBUS Publicacións Científicas (Papers) e IACOBUS Patentes- e conta cunha dotación financeira de 216.000 euros.
Por primeira vez, o programa abre as convocatorias para as tres modalidades ao mesmo tempo. No caso do IACOBUS Patentes, incorpóranse os centros tecnolóxicos, o permitirá a participación de candidatos das 39 entidades adheridas ao programa.
O período para que as entidades participantes poidan presentar as candidaturas está aberto ata o día 23 de decembro. Todos os documentos das convocatorias están dispoñíbeis na web do programa. Para mais información os candidatos poden contactar coa AECT da Eurorrexión a través dos correos electrónicos gnpaect@gnpaect.eu ou iacobus@gnpaect.eu.
O IACOBUS de cooperación transfronteiriza en materia cultural, científica e pedagóxica entre universidades e centros de ensino superior posto en marcha pola AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que precisamente neste ano cumpriu o seu décimo aniversario. Desde o seu inicio máis de 1.400 persoas participaron nas once convocatorias desenvolvidas, nas que a Xunta investiu 1,7 millóns de euros.
Tras a súa creación, o programa reforzouse en 2018 coa convocatoria de axudas ás publicación científicas (IACOBUS papers), que nas súas seis convocatorias axudou ao desenvolvemento de 323 artigos conxuntos co obxectivo de ser publicados en revistas científicas. No que se refire a IACOBUS Patentes, trátase dunha terceira vía de acción para promover a valorización económica da I+D+i da Eurorrexión, que ofrece axudas para utilizar a propiedade industrial como ferramenta de protección das innovacións.
Os resultados demostran que o programa IACOBUS é un importante piar estratéxico no desenvolvemento científico e de innovación entre Galicia e o Norte de Portugal, xa que inclúe proxectos de investigación de todas as áreas de coñecemento.
O programa ten como documentos de referencia o Plan de Investimentos Conxuntos Galicia-Norte de Portugal (PIC 21-27) e a Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia – Norte de Portugal (RIS3-T).
Conta co apoio da Unión Europea mediante a cofinanciación do programa europeo de cooperación transfronteiriza (POCTEP) 2021-2027, que ten como retos promover unha rede de coñecemento e innovación transfronteiriza para facer mais eficiente o desenvolvemento científico e aumentar o impacto a nivel internacional.