- Esta iniciativa trata de transmitir ao alumnado a cultura do coidado da terra e da natureza mostrando que os agricultores e gandeiros se converten en importantes activos na protección do medio ambiente polas boas prácticas no seu labor diario
- Ángeles Vázquez salienta que desde a posta en marcha deste programa no curso 2022-2023, xa participaron nel preto de 3.600 alumnos e 447 docentes
- No caso do CPI de Bembibre, participan neste programa 104 alumnos, que, a través dun enfoque interdisciplinar, afondan no coñecemento agrario e ambiental desde o punto de vista da conservación do territorio e da biodiversidade da súa contorna
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe o importante labor que está a realizar a Xunta, a través do proxecto Mestres Gandeiros, na concienciación dos escolares galegos sobre as boas prácticas agrarias e medioambientais dos profesionais do medio rural, que contribúen ao coidado da paisaxe e da biodiversidade de Galicia.
Durante á súa visita ao CPI de Bembibre, un dos 20 centros que participaron neste programa durante o curso 2024-2025, Ángeles Vázquez puxo en valor esta iniciativa educativa que involucrou a preto de 1.360 alumnos -de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e Formación Profesional- e máis de 160 docentes de Galicia. E, desde a posta en marcha deste programa no curso 2022-2023, “xa participaron nel preto de 3.600 alumnos e 447 docentes”, engadiu a conselleira.
Esta acción -impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e enmarcada no Plan Proxecta- trata de transmitir aos escolares a cultura do coidado da terra e da natureza mostrando o xeito en que os agricultores e gandeiros da comunidade se converten en importantes activos na protección do medio ambiente polas boas prácticas que caracterizan o seu labor diario.
No caso do CPI de Bembibre, participan neste programa 104 alumnos de educación secundaria obrigatoria (ESO), que, a través un enfoque interdisciplinar, afondan no coñecemento agrario e medioambiental desde o punto de vista do coidado do territorio e da biodiversidade da súa contorna.
Deste xeito, entre as actuacións que levan a cabo no marco desta programa destacan os encontros colaborativos intexeracionais entre o alumnado e a poboación local co fonte de transmisión de coñecementos agrarios. Ademais, tamén se desenvolve un observatorio rural a través do que se monitorizan e documentan boas prácticas ambientais locais e se fomenta o pensamento crítico a través de xogos educativos de intercambio de roles, nos que os alumnos asumen o papel dos profesionais do rural.
A maiores, a conselleira fixo fincapé no papel das novas tecnoloxías nesta actividade. Así, o alumnado analiza o territorio e a súa biodiversidade a través da aprendizaxe de sistemas de información xeográfica, cartografía e imaxes de satélite; e participa en talleres de biotecnoloxía e sostibilidade, nos que adquire, por exemplo, formación sobre os sensores de monitorización dos animais.
O centro educativo tamén puxo en marcha unha páxina web na que o alumnado publica algúns dos traballos que desenvolve ao abeiro desta iniciativa, como entrevistas a gandeiros ou a que lle fixeron á conselleira co gallo da súa visita. Ademais, tamén está previsto incluír nesa páxina web unha ruta de ecoturismo deseñada polo alumnado para promover o turismo sostible como ferramenta educativa.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, puxo en valor que o alumnado participante promova o consumo de produtos de proximidade a través da organización dun mercado escolar no que vender produtos sostibles da economía local.
Cómpre lembrar que o programa Mestres gandeiros xurdiu como resultado do proxecto Interreg Europe Biogov, desenvolvido no período 2018-2021 e no que Galicia foi pioneira a nivel nacional ao ser, a través do IET, un dos nove socios europeos que participaron na súa execución.