— Antonio Rodríguez Miranda participou no Desfile do Día da Hispanidade en Nova York
— No acto participaron entidades como La Nacional -creadora do desfile e con moita presenza galega-, A Casa de Galicia e o Círculo Español, entre outras
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou no Desfile do Día da Hispanidade en Nova York, un dos eventos máis importantes da comunidade hispana na cidade. Galicia estivo representada por diversas entidades galegas, que desfilaron provistas de bandeiras e vestidas con traxes tradicionais.
Segundo Miranda, este acto anual é unha oportunidade para que a cultura galega sexa vista e apreciada por un público internacional, o que reforza o seu carácter universal grazas aos galegos do exterior que cada día serven de faros de cultura en cada recuncho do mundo, tamén na Gran Mazá.
Tras o desfile, o secretario xeral subliñou a relevancia da participación galega nun evento tan significativo para os españois nos Estados Unidos, onde Galicia ten unha comunidade consolidada e activa. As agrupacións galegas tiveron un papel protagonista, amosando o orgullo pola súa orixe e contribuíndo á diversidade cultural con raíces españolas en Nova York.
Este tipo de actos serven como escaparate para a proxección internacional da nosa cultura e tradicións, consolidando o vínculo entre a diáspora galega e Galicia. Coa súa presenza, o secretario xeral da Emigración reafirmou o compromiso da Xunta con seguir apoiando estas iniciativas que permiten que a cultura galega teña presenza nos grandes eventos internacionais.

